Posts etiquetados ‘rúas’

De Guitiriz a Gamonal

Venres, 17 de Xaneiro, 2014

Oes falar da movida dos veciños de Burgos contra o bulevar de Gamonal e non podes evitar acordarte de que en Guitiriz foron pioneiros. E é que os veciños desta localidade chairega foron os primeiros en mobilizarse contra algo que en tempos se chamaba ‘humanización’ e que se resume, simplemente, en peonalizar (como en Guitiriz) ou ampliar beirarrúas (como en Burgos). Hai unha diferenza esencial, que é o tamaño das dúas localidades: seica todo Guitiriz (5.603 habitantes, segundo o INE) non chega ao dez por cento da poboación de Gamonal. Tendo en conta esa escala, mesmo nos dous sitios houbo denuncias contra os veciños, nun caso, procedentes das forzas da orde; noutro, do alcalde, que nos dous sitios é do PP. E tamén nos dous casos o asunto vén de lonxe: en Gamonal quéixanse de estar esquecidos polo alcalde; en Guitiriz, a movida implica aos dous partidos principais. E nos dous sitios houbo paralización das obras, aínda que en Guitiriz ao final seguiron adiante e en Burgos… seica non.

Descoñezo se son conscientes destas similitudes os convocantes da concentración de solidariedade con Gamonal anunciada para este venres en Lugo, paralela ás previstas no resto de España. Á vista dos precedentes, posiblemente haberá menos participantes que nas de Guitiriz e, por suposto, Burgos.