Posts etiquetados ‘Rafael de Vega’

Cartas

Mércores, 28 de Outubro, 2009

Cantaba Raphael hai anos que A veces llegan cartas. Supoño que hoxe, cos móbiles e o email, xa non tería razón de ser tal canción, que agora os únicos que nos mandan cartas son os bancos, as empresas de servizos (que susto nos darán este mes as eléctricas?) e pouco máis. Ben, pois nas últimas semanas eu teño recibido dúas polo correo de toda a vida, e resúltame tan raro que non me resisto a contalo.

A primeira foi de Nelson Zumel, que utiliza a súa propia tarxeta para enviar un saúdo dende Muxía. A tarxeta foi medrando. Agora xa é un tarxetón de 16 × 11,5 (máis ancho que este texto) e o número de distincións que figuran alí ascende a 65. A última é o galardón que lle deu a Deputación de Lugo cando accedeu a retirar os seus cadros do Museo Provincial. A relación, por certo, faime pensar no raros que son os nomes dalgúns premios. Por exemplo, o Concello de Forcarei outorga Flores de Toxo de ouro, que si, que a chorima é moi linda, pero non sei eu se darlle un toxo a alguén, aínda que estea dourado, é un agasallo agradable. Zumel ten unha destas flores de toxo, ademais de títulos como o de vizconde da Illa de Santa Cruz (México).

A segunda carta que me chega, ou máis ben nota manuscrita, é de Santos Vega Fernández, un dos fillos de Rafael de Vega Barrera, o médico de Lugo fusilado nos comezos da Guerra Civil. No escrito asegura que “Deus e o tempo” faranlle “xustiza en Lugo” a este doutor. O que non sei é se Deus e o tempo lle darán, como algúns propoñían, o seu nome a ese hospital que se vai inaugurar na precampaña das eleccións municipais de 2011. Creo que vou empezar en Facebook unha campaña para que ao hospital de San Cibrao lle dean o nome do Santo Job: nove anos de construción máis tres ou catro máis de proxecto demostran sobradamente a paciencia dos habitantes de Lugo.