A imaxe
Mércores, 27 de Maio, 2015XANTANDO nun restaurante de Santiago, vexo que senta na mesa veciña un famoso humorista galego, deses que non entenderías fóra dese idioma. Pero pasados uns minutos descobres que está a falar en castelán, aínda que o hostaleiro faino en galego, e cáeseche a alma aos pés. Realmente, dáme igual o idioma en que fale a xente, pero non sei, velo falar no outro idioma do país, cando el é coñecido pola súa retranca galega, é como se se caera un mito. É un debate curioso este, e tamén un pouco duro para os protagonistas: teñen os personaxes públicos a obriga de axustarse á súa imaxe mesmo cando non están exercendo como tales? Podería pensarse que si, porque do contrario a xente normal coidaría que son xente falsa e de aí pasas a non crelos, cando a credibilidade é precisamente unha das bases da súa popularidade: ti segues a un actor porque as súas creacións che parecen cribles, aínda que sabes que son irreais. O mesmo pasaba en tempos cos políticos, dos que agardabamos que o que dixeran se correspondera co que facían, pero agora, millóns de euros despois, xa non nos cremos nada. Outra cousa é a radio, onde ti imaxinas como será esa voz que te seduce e despois descobres que non se axusta ao que te figurabas: Luis del Olmo e Iñaki Gabilondo foron grandes decepcións ou sorpresas para moitos. Eu ando namorado de América Valenzuela (na foto, tomada da súa conta de Twitter) aínda que agora, cando mesmo se televisa a radio e podes sabelo todo do teu ídolo cun clic, é difícil soñar as voces da radio.