Posts etiquetados ‘pontes’

Portas inesperadas

Mércores, 20 de Marzo, 2013

NON SE lle poden poñer portas ao campo, pero hai quen o intenta literalmente. E non me refiro só a eses camiños que te atopas no cu do mundo e que están pechados por unha cadea ou unha cancela, que por Galicia, onde somos tan celosos da propiedade privada, hai uns cantos. Refírome a sitios habitados, urbanos, nos que é o mesmo Concello o que pon portas ao campo. En Lugo cidade, abonda con saír polo parque Marcos Cela para ver un par de cancelas que pechan (coa súa correspondente chave) non se sabe que. Como o aramado separa un camiño público dunha zona en costa que está a monte, deduzo que son portelos habilitados para cando haxa que rozar ou cortar árbores fóra da zona transitable. E haberá alguén que terá a responsabilidade de gardar esa chave ou de saber onde está. Cantas chaves poderá gardar un empregado de xardíns dun Concello? Haberá unha mestra? Existirá un cuarto, nalgunha propiedade municipal, cheo de chaves ata o teito? Conservarán alí as que usaban cando os parques públicos (polo menos, os dalgunhas cidades) eran pechados ás noites? E onde gardarán as chaves das portas que hai nas pilastras dalgunhas pontes, como a nova de Lugo (a das Saamasas) e algunhas da autovía? Agocharán detrás unha escaleira inmensa (como as que percorren os aeroxeradores por dentro) ou non haberá nada máis que un cuarto baleiro e poeirento? E é que, ás veces, detrás das portas, como as do campo, non hai ren.