Posts etiquetados ‘pintura’

Pinturas

Martes, 13 de Maio, 2014


MOITOS galegos, polo menos os do sur, debémoslle o noso (hipotético) coñecemento da arte galega á Caja de Ahorros Municipal de Vigo, moito antes de ser Caixavigo, Caixanova e, por suposto, antes da frustrante fusión. Os seus calendarios non só eran moi populares senón que serviron para saber de artistas que, doutro xeito, non teriamos coñecido. Recordo un, de non sei que ano, que se abría coa ‘Habitación de un marino viejo’, un óleo de Urbano Lugrís que é moitos cadros á vez. Quedei tan impactado con ese exemplo de minuciosidade que me volvín devoto deste pintor coruñés e vigués. Anos despois, fixen unha excursión a Santiago só para ver unha exposición sobre el que montara Caixa Galicia. O cadro en cuestión estaba alí, como moitos outros que eu xa vira nunha mostra anterior, e en case todos era evidente o paso do tempo e quizais o descoido: manchas, raias, decoloracións nos bordes, algunha humidade… A caixa do sur era a que achegara boa parte das pinturas, incluída a do mariño, porque ten (tiña?) unha das mellores e máis completas coleccións de arte galega. Estes días, que vexo a diario un cadro dun dos pintores daquel memorable calendario, penso naquel descoido e na preocupante posibilidade de que a colección se disperse: total, os novos donos non saben quen son Quessada, Lugrís, Laxeiro, Sotomayor… ben, quizais moitos galegos, tampouco, e menos agora que non hai calendarios para popularizalos.

Maruja Mallo

Domingo, 4 de Outubro, 2009

Máscaras de Maruja Mallo

Aproveitando que Caixa Galicia organiza unha macroexposición en Vigo sobre Maruja Mallo, a pintora nada en Viveiro en 1902, empezan a publicarse cousas sobre a relación entre esta creadora e o seu Lugo natal. Había certo desapego, aínda que hai quen di que iso non é exacto. O certo é que a macroexposición (que non me consta que vaiamos ver en Lugo) faime lembrar a miña primeira visita ao museo Reina Sofía de Madrid, hai xa anos. Creo recordar que había dous cadros de Maruja Mallo; nos carteliños que os acompañaban, figuraba como lugar de nacemento Vigo… ou era Tui (onde naceu o seu irmán Cristino)?