Posts etiquetados ‘papel’

780 luxos

Mércores, 14 de Xaneiro, 2015


FACENDO as compras de Reis, atopo nunha papelería unha pluma Montblanc que custa 780 euros. É unha edición limitada, dedicada a Carlo Collodi, o pai de Pinocho; no estante de abaixo hai máis sobre outras figuras literarias. Xa vira outras, da mesma marca, hai anos, cando se pagaba en pesetas e o seu prezo tiña seis díxitos. A primeira reacción, pasado o asombro inicial, é de admiración e envexa: quen puidera! Pero despois, cando pos o pés na terra, recordas que coñeces xente, mesmo familiares teus, que non chegan a ganar iso ao mes (e cando escribo isto, descubro na tenda online outra estilográfica de 7.700 euros). Así que pensas que aquilo é un produto insultante, case procaz. E máis tarde pensas que todo é matizable. Si, é un prezo groseiro, pero detrás hai unha xente que vive del: o debuxante que deseña a pluma, o artesán que a constrúe, o que vixía que o capuchón peche ben, o que comproba que a tinta circula… o papeleiro que a vende. Está claro que o luxo xera postos de traballo e, por tanto, riqueza. O procaz non é, daquela, o prezo, nin a existencia do produto en si, nin o feito de que haxa xente que pode gastar “unha cantidade indecente de diñeiro”, sexa nunha estilográfica ou nun vestido para Vivian Ward (‘Pretty woman’). Procaz e groseiro sería que ese produto de luxo fora producido con salarios de miseria, cousa que ocorre máis do desexable. Pero o luxo ten que existir: é un xeito de dicirnos que hai máis mundos que o noso e que algunha vez podemos chegar a eles, e, con sorte, non só en soños.