Posts etiquetados ‘O Saviñao’

Reaparición

Luns, 1 de Febreiro, 2010

Acórdanse de Mónica Legaspi, a interventora municipal que montou unha ben gorda en Monforte? Chegaron a suspendela de emprego e soldo, e durante meses, haberá tres ou catro anos, non se falaba máis que dela, porque os seus informes sobre as contas municipais eran demoledores. Tiñámola esquecida e estes días reapareceu o seu nome. Porque resulta que a interventora máis mediática da provincia de Lugo era a responsable das contas municipais do Saviñao no 2003, ano sobre o que o Tribunal de Contas vén de abrir un expediente por supostas irregularidades. Como sempre, as cousas da contabilidade van amodo (as contas son do 2003 e o expediente, de seis anos despois), pero desta volta trátase de algo serio, porque o Tribunal si que pode sancionar e mesmo levar á cadea a alguén, capacidade punitiva que non ten o seu homólogo galego.

Agora, andan os políticos a buscar culpables, tanto dende o PSOE como dende o PP, que era o que gobernaba daquela e segue facéndoo hoxe. Xa ven que Legaspi, que non sei nin sequera se segue a traballar na provincia, ten a rara virtude de alporizar aos que ten arredor.