Posts etiquetados ‘Nobel’

Nobel

Mércores, 15 de Outubro, 2014

CHEGA outubro e empeza o goteo de premios Nobel. O primeiro, o de Medicina, foi para un matrimonio noruegués e un investigador británico-estadounidense polo seu descubrimento dese GPS interno que permite ao noso cerebro situarnos no espazo. Unha cousa moi interesante e que usamos cada día (estamos arriba? abaixo?) pero que esqueceremos axiña. Hai outros Nobel que o levan peor: o de Física, o de Química, o de Economía de onte (ai, os números!), que aí o común dos mortais non só esquece axiña, senón que mesmo nin entende o porqué dese premio. Teñen máis sona, agás excepcións, o da paz, máis que nada porque os telexornais veñen cheos de guerras, e o de literatura. Miguelito, creación do debuxante Romeu, saudara a elección de García Márquez (1982) cun “Por fin lle dan o Nobel a alguén que todos limos”. Ese é o Nobel máis perigoso para os que queren ir de cultos: queda mal dicir que non coñeces a X, aínda que non estea traducido en España. Peor é cando é da comunidade (cidade, rexión, país…) na que te moves, que aí tes que alegrarte si ou si, e mesmo falar marabillas da súa obra, aínda que non saibas se é en verso ou en prosa, de ficción ou non… Claro que en España temos vantaxe porque temos tradición: aquí falamos do Quixote ou da Constitución sen telos lido enteiros. Os premios, polo menos, evítannos ter que lelo todo; e do demais podemos seguir agardando a que fagan a película.