Posts etiquetados ‘na rúa’

A clave das chaves perdidas

Martes, 23 de Abril, 2013

EN DOUS días consecutivos da semana pasada vin tiradas na rúa outras tantas chaves. E deume por pensar na nosa relación con estes pequenos obxectos: son a típica cousa á que non lle fas moito caso pero sen a que ás veces nin poderías vivir: pensemos por exemplo no que pasa cando deixas a chave dentro da casa, ou tes unha desas pechaduras que se bloquean se as deixas postas dalgún xeito determinado (normalmente, cruzadas). Decidir en quen confías para deixarlle un xogo de emerxencia vén sendo case como designar o teu mellor amigo ou a quen ves máis fiel (aínda que ás veces é cuestión de comodidade). E cando atopas unha soa, sen chaveiro que a identifique (como as que vin na rúa), éntrache un pouco de desacougo: Quen a botará en falla? Será importantes para o seu dono? Que abrirá? Ese desacougo é semellante ao que che atrapa cando ves, por exemplo, estás a piques de saír de viaxe e non recordas onde está a chave daquela maldita maleta. No ámbito dixital falariamos dun contrasinal ou unha clave, palabra que ten a mesma orixe que chave. Logo están as chaves que non sabes que facer con elas, esas que abren / pechan portas que nunca máis agardas cruzar: antigos fogares teus, casas que xa non existen ou vivendas das que te desaloxaron: unha herdanza, unha ex, un banco, un xuíz. E estas, aínda que ás veces se resistan, dáche igual que se perdan e alguén poida escribir algo sobre cousa tan minúscula.