Posts etiquetados ‘música’

Un día antes das violetas

Martes, 8 de Novembro, 2011

AS COINCIDENCIAS son un bo xeito de recuperar cousas que tiñas esquecidas. A semana pasada, lin nalgures que se vén de editar un disco con pezas cantadas en directo por Evangelina Sobredo: é un deses típicos lanzamentos para seguir espremendo, de cara ao Nadal, un filón do que xa debe de quedar pouco 35 anos despois da súa morte. E vou e póñome a escoitar algo dela e decátome de que o fago nun mes, novembro, que honra, o día 22, a Santa Cecilia, que é, precisamente, o sobrenome que esta viaxada e rebelde filla de diplomático escolleu para cantar naquela gris España dos setenta. Aínda que o día de novembro máis vencellado a Cecilia é mañá, como os que xa temos certa idade sabemos (ía escribir “todos sabemos”, pero Nacho G. acaba de dicirme indirectamente que debo modernizar as miñas músicas), aínda que non regalemos ramiños de violetas. Cecilia, que tería cumprido os 63 o pasado día 11, morreu cando volvía de actuar nunha mítica sala de festas galega, a Nova Olimpia de Vigo. Faleceu antes dos trinta, igual que a cortesá que inspirou a Dumas para ‘A dama das camelias’ e a Verdi para ‘La traviata’, que nesta ópera se chama, precisamente, Violetta. O mundo das artes está cheo de xente que morreu nova (James Dean, Kurt Cobain, Nino Bravo…), na súa plenitude creadora, e un nunca sabe se son lembrados porque eran bos ou porque non lles deu tempo a pasar esa fase de perda de crédito (e creatividade e ganas) que vén ás veces aparellada coa idade.

Músicas

Martes, 31 de Maio, 2011

DEUME por revisar a miña colección de CDs e estou levando varias sorpresas. Este tipo de revisións adoitan vir acompañadas de lembranzas: cando compraches un disco, por qué, o éxito que tiña daquela o grupo X, do que agora ninguén se acorda; as dificultades para conseguir en Lugo unha determinada música (do tipo de Michael Nyman, a comezos dos noventa), o disco que viña de oferta con outro que buscabas e que ao final resultou ser mellor que este último… a época aquela en que querías ter algúns clásicos (Deep Purple, o Serrat de ‘Mediterráneo’…) e hoxe resulta que podes conseguilos pulsando unha tecla e sen saír da casa… Atopas cousas que mesmo non lembrabas que tiñas, e fas (re)descubrimentos, como o veludo da voz de Chabuca Granda ou aquel grandísimo pero fracasado disco de Nancho Novo y Los Castigados sin Postre. E ves que é certo que a música vai co ánimo e a idade: o meu outrora adorado Silvio empeza a resultarme un pouco tostón, e Teresa Salgueiro e Loreena McKennitt resúltanme insufribles segundo que momento. Curiosamente, os únicos que non fallan son os que levan sen facelo dende hai séculos: un tal Mozart, un tal Puccini… E non son o único, porque o domingo á noite, por exemplo, Julia Roberts volvíase a emocionar coa música de Verdi: seguramente, ‘Pretty woman’ envellecerá peor (xa o está a facer) que ‘La traviata’.