Posts etiquetados ‘Monterroso’

Hai miradas e miradas

Luns, 22 de Abril, 2013

Como prometín na crónica do domingo, na xuntanza xacobea de Portomarín houbo miradas e miradas. Non se perdan a que o popular Juan Serrano, anfitrión, lle dirixe ao socialista Antonio Gato (de Monterroso) mentres lle ofrece uns bombóns.

En cambio, Serrano tiña mellor cara cando lle ofreceu o doce a unha compañeira de partido, Raquel Arias, moito máis galante:

Aquí, en cambio, quen ten mala cara é a delegada da Xunta en Lugo: será porque hai que coidarse xa pensando na inminente ‘operación bikini’.

Visibilidade

Venres, 2 de Outubro, 2009

A algúns sorprendeunos que o PSdeG elixira Monterroso para celebrar unha festa pola visibilidade gay no medio rural. Primeiro pensas que a elección se debe a que este concello está medianamente céntrico dentro da comunidade autónoma, aínda que hai outro, que loita por ser declarado o cerne de Galicia, Chantada, que tamén está gobernado polos socialistas. De seguido, pensas que, se cadra, hai algún coñecido político de Monterroso que é homosexual, pero descobres que, que se saiba, non hai tal cousa. E finalmente acábanche contando que a razón de que se elixira Monterroso é que un gandeiro desta terra afín ao PSOE fixo públicas as súas tendencias sexuais e que no concello está a ter problemas. A ti, que vives nunha cidade (pequena, pero cidade ao fin e ao cabo), tal cousa déixate abraiado: como é posible que alguén, en pleno século XXI, poida ter problemas de convivencia por tal cousa?

E séguelo pensando ata que colgas a noticia na edición dixital deste xornal (o anuncio do mércores e a crónica da celebración do sábado) e non che queda máis remedio que pechar os comentarios unha hora despois á vista do aluvión de insultos e recriminacións declaradamente homófobos que reciben as dúas noticias. Dende logo, humanidade e tolerancia (é dicir, respecto aos demais) son dous conceptos que se levan mal entre eles. Que noxo!

Placas inexactas

Martes, 3 de Febreiro, 2009

Núñez Segade e Gato, descubrindo
Non sei se haberá algunha normativa sobre as inauguracións oficiais. Sei que a actual Xunta bipartita comprometeuse a non facer actos deste tipo en campaña electoral, aínda que a normativa non di nada…

  1. nin da precampaña, e por iso estes días estamos a ver moitas inauguracións, e as que nos agardan (outra cousa é que as instalacións inauguradas estean rematadas);
  2. nin das visitas oficiais. Neste senso, non podemos esquecer a que fixeran a conselleira de Política Territorial, María Xosé Caride, e o alcalde de Lugo, Xosé López Orozco, ás obras da Ronda da Muralla. Non houbo inauguración, pero si visita, e ao rematar abriuse ao tráfico.

Caride é a que me fai escribir disto das placas, porque para o pasado xoves 29 anunciárase a súa presenza en Monterroso para inaugurar a estación de autobuses. Finalmente, non foi ela, senón o seu delegado en Lugo, Daniel Núñez Segade, porque Caride sufriu unha pequena caída cando saía de Santiago. A placa descubrírona el e mailo alcalde, Antonio Gato Soengas. Sen embargo, quen figura na placa é a conselleira, que non sei se irá visitala algún día.

A placa (Fotos: J. Vázquez)
Dentro de cen anos (se é que a estación dura tanto é non é substituída por outra antes), se cadra isto move a confusión, digo eu. Aínda que é posible que para daquela ninguén se acorde da conselleira ou, pola contra, xa teña unha rúa ou unha praza na vila.