Posts etiquetados ‘monarquía’

Presaxios e espectáculo

Martes, 17 de Abril, 2012


PODERÍA facer como os seguidores de Nostradamus e demais e tentar converter en presaxios as simples coincidencias. O primeiro sería, entón, cando o equipo de música da casa, ultimamente moi protestón, non recoñeceu o ‘No sólo de rumba vive el hombre’ (Albert Pla, 1992). Así que decidín probalo noutro reprodutor, o do coche. E mentres recollía o CD, vin (segundo presaxio) que na tele se anunciaba o pase de ‘Cazador blanco, corazón negro’, gran película de Clint Eastwood que recrea a rodaxe de ‘La reina de África’ e, sobre todo, a paixón cinexética de John Huston. E o sábado, cando escoitaba no coche ‘Carta al rey Melchor’, esa divertidísima canción monárquico-republicana (terceiro presaxio), deume por poñer a radio para saber que pasara no mundo, e foi así como souben do sorprendente accidente do Rei. Nese instante recordei unha frase, para enmarcar, que Eastwood di na película: “Vin a África a cazar un elefante porque é o único pecado que se pode cometer cunha licenza”. Neses primeiros boletíns informativos xa se albiscaba a polémica que se está a montar. E non a comparto totalmente. Porque isto, no fondo, non deixa de ser outro servizo do Rei ao Estado, xa que desta forma conseguiu que se fale del e non da posible intervención de España. Porque, imos ver, ¿o que lles pagamos ás casas reais, ás nobrezas de todo tipo, a Cristiano Ronaldo ou a Belén Esteban non é realmente para que dean espectáculo?