Posts etiquetados ‘Manolo Escobar’

Lou Escobar

Martes, 29 de Outubro, 2013

CON poucos días de diferenza, veñen de morrer dous pesos pesados da música, cada un no seu eido. E aínda que o que facían os dous era o mesmo, cantar, é máis que probable que os afeccionados de Lou Reed aborrezan o estilo de Manolo Escobar e viceversa. Mirarante mal se no ambiente dun deles falas ben do outro. E se vas de culto, non podes, nin de broma, dicir que Escobar ten temas interesantes. As cancións do de Almería usáraas a miña profesora de Literatura de segundo de BUP para ilustrarnos, por un lado, sobre a linguaxe popular e a copla, e, por outro, sobre a permanencia dos roles machistas (a base era, obviamente, a canción da minisaia). Co cantante do delirante ‘Porompompero’ pasoume como con Julio Iglesias: de adolescente parecíanme insufribles, símbolo dunha España casposa e retrógrada, e, co paso dos anos, fóronse facendo máis soportables, ata o punto de facerme sorrir cando escoitei as súas cancións en sitios tan estraños como un hotel de Bangkok.


Agora, unha vez mortos, os dous son, polo menos por uns días, os mellores do mundo mundial, e nos perfís biográficos fálase de creatividade ou coleccións de arte contemporánea, esquecendo, por exemplo, sustancias e franquismos (respectivamente). Esa é unha gran cousa que ten o paso do tempo, que pon cada cousa no seu sitio e dulcifica xenreiras. O malo é que agora nunca saberemos se haberá algún carro perdido no lado salvaxe.