Posts etiquetados ‘lixo’

O uso dos indicios

Martes, 21 de Febreiro, 2012


UNHA cousa que me abraia das series con forenses (como CSI ou unha das primeiras, Expediente X) é que todo o que atopan vale para algo: non vemos como recollen chicles que despois non serven para nada; non se entreteñen nun adorno que está fóra do seu sitio, senón en cousas, minúsculas, que despois son fundamentais para resolver o caso. Eu sería incapaz de ter tanto tino. Debe de ser a falta de práctica ou de capacidade imaxinativa. O domingo, por exemplo, metinme por un carreiro que acondicionaron hai tempo os alumnos do Galén, ou iso di un cartel. E o camiño ata a primeira curva foi todo un cúmulo de achados: primeiro, unha paletilla roída, na que aínda quedaba carne, posiblemente dun animal grande (can, lobo ou, xa postos, tigre); preto de alí, restos de roupa; máis adiante, a caixa duns condóns; a tres pasos, un deles; a cinco metros, algo que semellaba material de baño (un lavabo?); xa na curva, unha lata de refresco pisada e, enfronte, un garrafón de plástico, deses de aceite para o coche. E ao seu carón, no chan, algo que semellaba unha porta de madeira, que a min me recordou unha que atopan nunha das primeiras temporadas de ‘Perdidos’. Todas estas cousiñas, noutras series máis delirantes, serían indicios dunha invasión alieníxena ou xurásica, e en CSI serían as pegadas dun asasinato, e eu, a verdade, estiven dubidando se chamar á Garda Civil… para que interveña o servizo que protexe a natureza.