Posts etiquetados ‘Láncara’

Gastos en Láncara

Martes, 2 de Febreiro, 2010

Esta é boa. O PSOE de Láncara denunciou o 12 de xaneiro o gasto, supostamente excesivo, do actual concelleiro de Cultura e Deportes. E este respondeu que dimitiría se se proba que investiu “máis de 60 euros”. Ás veces é mellor estar calado.

Sen novidade en Láncara

Sábado, 24 de Outubro, 2009

Un compañeiro de Redacción comenta que, ao final, en Láncara está todo igual que hai vinte anos. A diferenza é que daquela o PSOE estaba no goberno. 26 anos, máis dun cuarto de século, hai que Eladio Capón chegou á alcaldía nas filas socialistas, e catorce hai que se deixou seducir polos cantos de serea de Francisco Cacharro e decidiu integrarse no PP. Aquel fora un duro golpe para o PSOE, que non volveu levantar cabeza… ata as eleccións do 2007. Agora, está por ver como lle afecta aos socialistas este novo afastamento do goberno. Ao final, sempre é Capón o que bota ao PSOE da alcaldía.

No 95, Cacharro tivera que acalar unhas cantas voces no PP local, porque non todo o grupo vía con bos ollos a integración de Capón. Un dos máis significados e máis afectados por ese caso de transfuguismo fora, o que son as cousas, o propio Ricardo Núñez Valcárcel, que foi o cabeza de lista popular no 91. Disque dende entón as relacións entre os dous non son precisamente boas, aínda que de cara ao exterior aparentan ser moi amigos. Quizais iso fose o que levou a Núñez a promover a candidatura de Tega hai dous anos e a deixar na estacada ao seu anterior xefe, pactando con Darío Piñeiro.

Na candidatura do PP do 91 tamén figuraba Manuel Castro Castro, Monarca, quen no 95 foi abrindo a lista do BNG e no 2007, pechándoa.

Como ven, a vida política de Láncara está marcada polos cambios de rumbo. Este venres, o alcalde censurado, Darío Piñeiro, proclamaba que Núñez Feijóo lle ofrecera deixar o PSOE polo PP. Hai uns anos, nunha época de preparación de candidaturas, chegara a rumorearse que os socialistas ían fichar de novo a Eladio Capón. Sei que o comentara con algún alto cargo socialista e contestoume: “Ti estás tolo!” Pero coa política de Láncara podes agardar calquera cousa, aínda que non haxa novidades.