Posts etiquetados ‘imaxinación’

Suspensión

Mércores, 26 de Febreiro, 2014


A DIFERENZA dos artigos do domingo, os desta columna son máis creativos e nacen, moitas veces, de experiencias persoais levadas (na imaxinación) ao límite, que vén sendo iso de preguntarse “que pasaría se…” Sería por exemplo imaxinarse que tería pasado se un dinosauro me chega a atropelar cando estaba cruzando a Quinta Avenida un día de 1998, onde o imaxinario sería a miña estancia en Nova York. A iso de meter o irreal dentro dun contexto real (por exemplo, homes que voan), apelando á complicidade do público, chámano ’suspensión da realidade’: haina, mesmamente, cando aceptas como punto de partida dunha serie de televisión a presenza dun extraterrestre dentro dunha familia, por exemplo. En tempos, no suplemento cibernético dun xornal de Madrid tiñan unha sección na que espían as incorreccións científicas de moitas películas de ciencia ficción. E nalgunha edición en DVD de ‘Watchmen’ (baseada nun cómic que contén unha historia paralela á da humanidade a partir de 1940), un dos extras é un documental que aborda a suspensión da realidade. É un concepto que reflicte a evasión ante unha vida cotiá na que poucas veces ocorren cousas extraordinarias, non normais. O certo é que a suspensión da realidade, esperando algún suceso máxico, é algo que practicamos a diario: cando agardas pola parella ideal, cando cres que o coche te vai entender se lle berras, cando xogas á lotaría… mesmo cando votas.

ENGADIDO

A memoria fállame. Despois de redactado (e publicado) o artigo, descubro que, seica, o concepto non é suspensión da realidade, senón suspensión da incredulidade, que é a que prefire esa moderna Biblia chamada Wikipedia, que llo atribúe a Coleridge. Igual as dúas son válidas.