Posts etiquetados ‘guerras’

Enes

Martes, 4 de Setembro, 2012


VEXO este domingo na tele, nun ‘En portada’ feito hai algún tempo (a xulgar polos abrigos), a Enes Kujundzic. Aínda conservo a súa tarxeta na casa: “Director da biblioteca nacional de Bosnia Herzegovina”, dicía ese cartón que me deu cando o entrevistei, a finais de 1998. Levaba cinco anos á fronte deste ente, con sede oficial nun simbólico edificio de Sarajevo (Vijenica), e, polo que contan na reportaxe, aínda lle quedaban outros sete no cargo. A Lugo viñera aquel decembro, seis anos despois da destrución do inmoble, traído por unha ONG na que estaba Iván Prado. Recordo que me impactaron o xeito no que falaba da guerra de Bosnia, da que se cumpren 20 anos, e a súa inquebrantable esperanza en recuperar aquel centro cultural arrasado polas forzas serbias, que hoxe aínda está baleiro e en reconstrución. Por aquel tempo tamén me falara de guerras un misioneiro en África, en Togo creo (ou era Malí?). O home, traído a Lugo pola diocese, explicárame que traballaba nunha zona vítima dos enfrontamentos entre o Goberno e a guerrilla e que os relixiosos eran obxectivo declarado dos dous bandos. Contoume que ía volver a Togo, pese a todo. E non ten medo a morrer?, pregunteille. E respondeu algo así como que o seu deber moral era estar cos seus. Son dous dos entrevistados que máis me impresionaron: todos temos máis ou menos unha misión na vida, pero poucos téñena tan clara ou arriscan tanto nela.