Posts etiquetados ‘fútbol sala’

Burela de prata

Venres, 24 de Abril, 2009

Escudo do Burela FSAndo a seguir con interese a traxectoria do Burela FS, porque o cadro laranxa da División de Prata do fútbol sala español é agora mesmo o único equipo lugués dun deporte máis ou menos de masas (abonda con ver as ateigadas gradas do seu pavillón os días de partido) que ten serias posibilidades de ascenso á máxima categoría. Oxalá non se trunque e a tempada que vén poidamos ver uns duelos de máxima rivalidade na División de Honra co Azkar de Lugo.

O meu interese compárteno, segundo contan as malas linguas, os máximos directivos do fútbol sala español. Pero é por razóns diferentes; económicas, concretamente. O fútbol sala, ese deporte que lle deu a España varios títulos mundiais e europeos, é quizais un dos máis visiblemente castigados pola Crise: viuse ao comezo da Liga, cando varios equipos renunciaron ás súas prazas e houbo que facer divisións impares: o Azkar e o Burela FS, por exemplo, sufriron eses calendarios nas súas respectivas fases regulares.

A falta de cartos é unha cousa evidente no fútbol sala español, e de aí que os directivos estean a mirar con envexa ao Burela FS, un equipo que ten un patrocinador modesto (Pescados Rubén), aínda que poderoso no seu sector (creo recordar que esta empresa distribuidora de peixes saía nos informes Ardán como unha das que máis facturaba en Lugo, e supoño que lle interesa que o seu nome sexa coñecido en sitios onde pode ter mercado). E iso permite que os laranxas sexan dos poucos que, fóra dos grandes (o equipo de Alcalá de Henares, que este ano se chama Inter Movistar, ou o de Murcia, que se chama El Pozo), sexan fiables nos pagos, en especial aos seus xogadores. Con outros a cousa está máis complicada: hai uns días, alguén comentaba na web de El Progreso, por citar un caso próximo, que os xogadores do Azkar de Lugo levan dous meses sen cobrar.

Por iso na cúpula da LNFS creo que están a rezar para que o Burela ascenda. Méritos non lle faltan. Esta temporada ten un bo equipo, derrotado só tres veces, e a súa afección é das máis entregadas: na web do equipo mesmo hai sitio para tres ruidosas peñas. A ver se hai sorte xa dende este sábado, no que xoga na casa do máximo rival por este ascenso.