Foto trucada
Mércores, 19 de Novembro, 2014Teño unha foto dun sinal de tráfico abrazado pola maleza. Realmente son dúas:unha é de agosto, e vese que sinal é, e a outra é de hai uns días e xa non se distingue: todo un mérito dos servizos de limpeza do Concello de Santiago. É un sinal de ‘perigo, nenos’, e iso debería de ser preocupante… pero non o é. Hai unha escola infantil, certamente, pero non está no sentido do sinal (todos os de tráfico están para que o condutor os vexa de frente), senón á dereita. Hai uns anos, alguén mandara a Redacción unha foto dun sinal que avisaba da proximidade dun paso de peóns, pero nin se vía tal paso nin había calzada, senón un camiño de terra. Funo ver cos meus propios ollos, e resultou que o sinal estaba ben colocado, pero referíase a unha rúa que comezaba xusto despois da curva que se intuía na foto:o sinal non podía estar noutro sitio. As dúas fotos son irmás, porque son tramposas, xa que deixan fóra elementos importantes. Non chega ao nivel de trucar o corpo vía Photoshop ou recrealo esaxerando algunha característica, como fai Goude con Grace Jones ou, estes días, Kim Kardashian. Son trampas inocentes: hai, pola contra, quen utiliza programas de retoque para, por exemplo, facer aparecer xente ou bandeiras… ou para que a imaxe do inimigo defenestrado desapareza da historia. Todos, no fondo, trucamos algo nas fotos, mesmo no momento en que forzamos ese sorriso de circunstancias. Pero, postos a facer trampas, prefiro a de simular, coa perspectiva, que collemos algo imposible cos dedos, sexa o sol, a lúa ou a torre Eiffel. Ao final, as fotos non son máis que un reflexo dos nosos soños ou medos.
(Na foto, o sinal tímido)