Posts etiquetados ‘fogar’

Por se acaso

Mércores, 10 de Decembro, 2014

CANDO TES varias cousas na cabeza á vez, pechar a porta da casa convértese nun labor pesado: antes de xirar a chave, fas un repaso mental que vai dende se pechaches a auga ata se baleiraches a lavadora ou xiraches a maneta da bombona ou… Neses intres acórdome da miña avoa, que te perseguía para que, ao saír, deixaras a casa ordenada “por se acaso”. Nunca aclarou que ‘acaso’ era ese, pero sobreentendíase. Hai pouco, vin a Sara Sidle dicindo, nun capítulo de CSI, á vista dun dormitorio desordenado, que a ela lle gustaba deixar a cama feita cando saía da casa: “É por se non volvo”, xustificaba ela, que tiña un traballo no que tiña un risco real de morrer. Este luns pensei que, mesmo neses casos extremos, que máis dá como deixas a casa cando pechas a porta para ir traballar. Se volves nun ataúde (que era a preocupación da miña avoa), vaiche importar un carallo o que pensen os da funeraria; se volves con visitas, a túa casa non deixa de ser o teu búnker, o teu palacio, o teu refuxio, o sitio dende onde fas fronte ao resto do mundo, alí onde non es ti o que ten que pedir desculpas pola desorde, senón que é o convidado o que ten que aceptar as túas regras de xogo (tamén chamadas “orde caótico”). Todas as casas están feitas a imaxe e semellanza do seu dono. Pero todas as regras invariables pódense cambiar: non queda ben, por exemplo, traer un ligue e ter que ir retirando do chan roupa (propia ou, peor, allea) ao seu paso.