Posts etiquetados ‘familia’

Irmáns

Martes, 24 de Febreiro, 2015

UN PODE criarse á marxe dos seus irmáns, pero hai certas cousas (identidades, semellanzas) que nin a distancia disolve. Sabémolo todos os que temos irmáns, e máis se é dentro dunha familia numerosa. É curioso vernos de pequenos, cando a rivalidade persoal é unha característica inseparable de nós e as liortas continuas, a agresividade desaforada, a envexa sen matices acaban por desesperar aos pais. De maiores, algo diso mantense, aínda que van gañando terreo algunhas complicidades. Por exemplo, os meus machácanme coa idade: é unha das desvantaxes de ser o maior de seis. Eu contraataco dicindo cousas como que os nosos pais preguntáronme a min antes de pensar en telos. E os maiores en xeral puteamos aos pequenos dicíndolles que eles son adoptados, que recordamos perfectamente aquel (imaxinario) día en que viñeron do hospicio. Logo hai chistes e contos que só entendemos nós, e que os que chegan de fóra non entenden ata que non teñen máis trato. Hai tempo descubrín en Facebook o grupo ‘Solo yo puedo pelearme con mi hermano/a, vos le hacés algo y te mato’. É unha boa síntese da situación. Vén sendo un remedo de ‘É un cabrón, pero é o noso cabrón’, que debe de ser a inspiración do refrán que aconsella lavar os trapos sucios na casa… a casa, ese sitio onde a batalla cos irmáns (e os pais) xera odios, amores, alianzas, comparacións… a vida, en resumo.

(Na ilustración, dous dos irmáns máis famosos, Caín e Abel, en versión de Tintoretto)

A parentela

Martes, 8 de Maio, 2012

ÁS VECES enléome cos parentescos, non no sentido complicado das adiviñas (podo casar coa irmá da miña viúva?), senón porque algúns nunca os probarei (agás milagres que nos fagan vivir máis de 120 anos, dificilmente serei tataravó), e outros, levoume anos entender. Este é o caso dos sobriños netos, un parentesco para min case tan exótico como o de chozno (en castelán, fillo do tataraneto), e case tan complicado como eses eufemismos para a parella cando non vivides xuntos (noiva? moza? rapaza?) ou cando si o fas pero non hai papeis (parella? compañeira?). Pero hai outro que, na Galicia tradicional, tenme subxugado, que é o de ‘sobriña de casa’. Normalmente feminino, vén sendo un recordo desa tradición rural de reservar a unha muller para o coidado dos maiores. Tamén no rural, ‘sobriña’ era, en tempos, o eufemismo para referirse ás mozas dos cregos (e en xeral a calquera dos seus desprestixiados descendentes), que son homes obrigados ao celibato. E no cine vese o uso que se dá ás ‘primas’: Julia Roberts, prostituta, pasa por selo de Richard Gere, empresario, en ‘Pretty woman’, por exemplo. E hai algunha novela dun escritor que está de bicentenario que tamén fala de curmás inesperadas. Os primos, moitas veces, son eses familiares cos que só mantés contacto en vodas e enterros, eses momentos en que te decatas do longa que pode chegar a ser a familia: menos mal que ás veces está ben lonxe.