Posts etiquetados ‘doméstica’

Charta mundatoria

Martes, 10 de Maio, 2011

NO INSTITUTO, ese tempo no que moitas chorradas inútiles se gravan a lume no teu cerebro, fixémonos un día unhas risas cunha noticia que saía nun xornal, na que alguén propoñía a recuperación do latín como idioma para o uso diario. Saía a tradución de varias expresións diarias, entre elas ‘charta mundatoria’, que é como se chamaría en latín o papel hixiénico. Polas querenzas escatolóxicas habituais desas épocas, é a única que me quedou. Acórdome da tradución moitas veces no baño. Ás veces penso tamén que ese papel é unha das cousas máis usadas no mundo (no civilizado e desenvolvido) e, ao tempo, menos valoradas. En tempos pensaba tamén que era das menos innovadoras, ata que descubrín que mesmo o I+D chegou a estes rolos que agora mercamos por quilos nos hiper. Primeiro chegaron a dobre e a tripla capa; despois, as cores; seguidamente, os perfumes; máis tarde, o papel húmido, e aquí xa empezaron os problemas, porque xa se sabe que non hai nada inocuo. Para empezar, o papel húmido, segundo os fontaneiros, é veleno para os canos; Despois, chegaron os megarrolos, que deben de estar patrocinados polas tendas de decoración, porque non caben nos portapapeis habituais e obrigan a cambialos. E o último invento chorra é o tubo de papel reciclable, que se pode tirar no inodoro, algo que sen dúbida fará máis fácil a vida… dos seus creadores.