Posts etiquetados ‘Día das Letras Galegas’

Memorias

Martes, 1 de Decembro, 2015

COÑEZO A alguén que sabe de memoria, enteiro, o primeiro capítulo de ‘Memorias dun neno labrego’. Co gallo da morte de Neira Vilas, vexo que é o libro en galego máis lido da historia. Eu lino a centos de quilómetros de Galicia, cando facía Xornalismo en Madrid. Esta novela, obra dun home que escribiu moito sobre a emigración, que viviu en primeira persoa, chegou a min da man, precisamente, dunha emigrante, unha venezolana de Apure. O exemplar regalárallo un mozo galego que ela tivera. Daquela eu adquirira o costume de personalizar os meus libros con frases procedentes de outros, que eu escribía nas primeiras páxinas. Das memorias de Balbino extraín unha cita que copiei non recordo en que outra novela: “Doime que a xente ande polo mundo como andan as vacas e os burros: procurando soamente o pesebre”. Tardei lustros en atopar outra frase tan doente: “A aldea, que non se debe nomear, era pequena, poboada por un grande fato de beatas, de fillos de puta e outras xentes sen caridade”. Escribiuna outro pontevedrés, neste caso de Tomiño, que tamén viviu a emigración, Eliseo Alonso. Os dous expoñen visións pouco bucólicas do mundo da aldea. O tomiñés, ademais, faino usando o dialecto do galego que se fala no Baixo Miño, unha achega que, 19 anos despois da súa morte, aínda non lle interesou aos que deciden a quen se lle dedica ese día adicado a esas letras galegas que estes días están de loito.