Posts etiquetados ‘comida’

Comer verde

Mércores, 29 de Xaneiro, 2014

A Ángela, de oito anos, non lle gustan os ‘arbolitos’, poético e plástico nome que a miña sobriña lle dá ao brócoli. Ultimamente, trato moito con pequenos que, como ela, converten a hora de comer nunha auténtica guerra cos pais, empeñados en darlles unha alimentación equilibrada. O brócoli (adorado por Obama e, curiosamente, detestado por Bush pai, segundo unha polémica confesión) é unha das verduras máis conflitivas. E eu, sempre gabado polos meus maiores polo comedoriño que lles saín, miro con curiosidade esas liortas na mesa e arqueo un ollo con perplexidade cando vexo aos dietistas facendo campaña para que comamos máis verde e menos vermello, sexa enteiro ou en puré, a solución de emerxencia para os nenos pouco comedores. Mesmo o sábado oín a unha experta na radio queixándose de que, por contraposición coa escaseza da posguerra, en España caemos agora nunha alimentación pouco saudable. E iso que cada día hai produtos máis diferentes no mercado (o romanescu, ese híbrido, por exemplo) ou fóra de tempada: os canónigos, substitutos dos escasos berros da miña infancia, por non falar das leitugas e os tomates (variante insípida). Curiosamente, algúns destes produtos teñen moito éxito nas dietas milagreiras: hai pouco lin que Kiko Rivera está a facer a do cardo, e hai anos tivo moita sona a da alcachofa. Non me estraña: co tempo que tardas en pelala e limpala, xa se che pasan as gañas de comer.

(Na foto, unha variedade de ‘arboriña’ admitida polo Ministerio de Agricultura)