Posts etiquetados ‘Begasa’

Goberno xeneroso

Luns, 27 de Xullo, 2009

A lámpada

Aproveitando que tiña que pasar por diante de Correos, hai uns días fun recoller a lámpada de baixo consumo que nos regala o Goberno, e que por fin se reparte en Lugo despois de que o fixeran noutras provincias de España. Ía xa preparado para poñerme no peor: seguro que é de 9 W e que non hai posibilidade de elixir, pensaba eu. No segundo acertei, pero no primeiro, para a miña sorpresa, non. A lámpada é nada menos que de 18 vatios, que equivale a unha de 100 das tradicionais. E pensar que hai dúas semanas tiven que ir mercar unha! E a sorpresa medrou cando descubrín que o agasallo do Goberno é de marca Philips, que no Dia do barrio custaba hai unhas semanas non recordo se seis ou nove euros. Ou sexa, que o Ministerio de Industria foi espléndido desta: para o agasallo non escolleu unha lámpada de 9 vatios (45 nas tradicionais) ou 12 vatios (60), senón que foi mercar do melloriño: supoño que a multinacional holandesa faríalle prezo.

Iso si, hai tres detalliños que me chamaron a atención. Por unha banda, por ningún sitio explican que se fai con estas lámpadas cando se funden, que creo que non se poden (deben) tirar co lixo normal. Tamén me chamou a atención o lema da campaña, Un pequeño gesto para ti, un gran gesto hacia todos. A nós quédanos moi acaído, porque en Lugo empezaron a repartilas case coincidindo co corenta aniversario do día en que o astronauta Neil Armstrong dixo algo moi parecido sobre a superficie da Lúa.

E o terceiro que me chamou a atención é que o vale para retirar a lámpada vén outra vez xunto coa nota na que Begasa anuncia que dende o pasado 1 de xullo temos que buscar unha compañía comercializadora de electricidade. Desta, a diferenza das que enviou nos pasados meses, aclara en letra pequena que, se non escolles, Begasa vaite mandar a E.on ou Unión Fenosa Metra “segundo corresponda”. E pregunteime: “Segundo corresponda… que?” Non tería estado mal que a eléctrica que ata o de agora subministraba luz a Lugo explicara que, segundo o código postal que teñas, vante mandar cunha ou con outra.