Posts etiquetados ‘Aznar’

Trece anos seco

Sábado, 1 de Marzo, 2014

XÚROVOS que a algún na Redacción se nos caían bágoas de emoción (metafóricas, aclaro) cando vimos a noticia da inauguración do porto seco de Monforte. Meu Deus! Aquí poderiamos botar man dun eslogan turístico de Viveiro para dicir aquilo: “Non é un soño, existe!” A título persoal, xa non sei se incluílo no hit-parade (expresión foránea que morreu ás man da non menos foránea ránking) de obras lentas, lentas e máis que lentas: ou sexa, á altura da A-8, a Nacional VI (hai tanto, que algúns xa o esqueceron), o encanamento do río Sarria ou as obras para arranxar a estrada entre Becerreá e Navia, anunciadas nos tempos de Cuiña Crespo. Vamos: creo que os que fixeron a muralla de Lugo ou as pirámides de Exipto tardaron menos.

E é que non hai nada como as hemerotecas ou as memorias persoais para recordar algunhas cousas. O que inauguraron un oufano Núñez Feijóo e un non menos ledo Severino Rodríguez este venres foi só o final da primeira fase de algo que comezou… haberá case tres lustros.

Fago memoria: o porto seco pertence á época en que sobraban os cartos e os proxectos nacían en función da cor política… do de enfronte. É dicir, se os alcaldes do PSOE conseguían un Leader da UE para Os Ancares, a Xunta facíalles un plan de desenvolvemento para os do PP do Courel. Se Andalucía tiña un Ave para a Expo e Cataluña, uns Xogos Olímpicos, os galegos tiñamos que ter unhas autovías. Se un Goberno (central) do PSOE anunciaba un Cetal para Lugo, un Goberno (autonómico) do PP tiña que anunciar outra Aula Láctea para Lugo. E se un ente ferroviario programaba unha plataforma loxística para un concello dirixido polo PSOE, como era o de Lugo, a Xunta non podía quedar de brazos cruzados e tivo que programar outra idéntica para un concello daquela do PP, Monforte. No arquivo conservamos as fotos da presentación oficial, por todo o alto e en Madrid, do que ía ser o ‘Centro Loxístico de Galicia’, ou iso dicían os carteis detrás de Manuel Fraga; era o 6 de novembro de 2002. Un ano antes, o 21 de xullo de 2001, José María Aznar, daquela presidente do Goberno, presentara o proxecto no Colexio do Cardenal de Monforte. A foto de Toño Parga, por certo, é do 1 de maio de 2001. E dous anos antes, o 7 de maio de 1999 (haberá década e media dentro de dous meses), era Nazario Pin, daquela alcalde, quen anunciaba o plan.

O malo destas cousas é que van cambiando os políticos, as prioridades, os investimentos… e ao final Lugo, que non ten tradición ferroviaria, loce dende hai anos unha estación de mercancías e en Monforte aínda estamos inaugurando un picadeiro para parellas… perdón, quería escribir porto seco.