Posts etiquetados ‘abdicación’

Histórico

Martes, 10 de Xuño, 2014

ESTES SON uns días nos que eu podería repetir un artigo de 2012 sobre o abuso do adxectivo ‘histórico’, tanto por parte dos políticos como dos medios informativos. Claro que desta volta o tema si que semella histórico: non todos os días abdica un rei de España. Ese dato fixo que figura nos manuais de historia, polo menos os dos próximos cinco séculos. Dentro de dous milenios, igual ninguén estuda o franquismo e a posterior restauración borbónica, e recordar os nomes xa será asunto de mérito: a ver, que alguén recite de corrido e por orde cronolóxica a lista dos reis da antiga Roma. E penso nese reto porque estes días, co Arde Lucus, tamén vemos como se cumpre esa lei de que as cousas teñen mellor pinta canto máis lonxe no tempo quedan, que é cando perden as arestas e as partes negativas esváense. Pasa coa historia do teu país e na túa persoal: por iso temos esa imaxe tan tenra e positiva da nosa infancia, a pesar de que é, precisamente, a época en que lle damos máis transcendencia ás chorradas e se nos cae o mundo por nimiedades perfectamente esquecibles anos despois. Quizais foi unha persoa esquecediza a que inventou os sistemas de almacenaxe masiva ou cousas como a Wikipedia, onde o Nobel a un escritor pode figurar ao mesmo nivel que unha carta de apoio á lingua asturiana. Nada se vai esquecer: todo se poderá gardar. Así si que lograremos que todo sexa histórico… mesmo o que non o é.

A cara dos euros

Xoves, 5 de Xuño, 2014

TRES XORNADAS despois do día da república de 2012 (pura coincidencia) chanceei aquí con que o do elefante non era máis que un servizo do Rei ao Goberno, porque así distraía a atención sobre o que era o tema deses días, a posible intervención da economía española. E este 2 de xuño vexo en Cuatro que o tertuliano Revilla (si, o expresidente de Cantabria) case coincide comigo. Que o sistema de partidos semella ameazado por forzas emerxentes? Que unha das patas do actual bipartidismo está a sofrer unha conflitiva renovación? Que o paro de longa duración é cada día máis de longa duración? Que a sensación de corrupción medra a diario, axudada pola lentitude xudicial? Pois inventamos unha cortina de fume e montámolo ao grande: facendo abdicar a todo un rei. Os conspiranoicos virán con outras teorías: seguro que ven algo inquietante no feito de que a principal serie sobre a bucólica España da Transición, ‘Cuéntame cómo pasó’, cambiara onte (precisamente onte) o día de emisión para o luns. Pero é máis inquietante pensar que sexa realmente unha cortina de fume, porque Rajoy anunciou o sábado que este venres toca un consello de ministros con grandes medidas. De onde sairán os 6.300 millóns? Que recortarán a cambio? Poderían eliminar mesmo o subsidio do paro ou pechar todos os hospitais, que a noticia ía quedar esvaída polo debate sobre a abdicación, a república ou, xa postos, sobre se vai cambiar a cara dos euros.

ADENDA

Xusto o día en que publico isto na edición impresa, sae Rajoy anunciando unha reforma fiscal. Será iso o que nos queren agochar? Ou será algunha novidade do caso Nóos-Cristina-Ummmmmdangarín (así o chamaba en tempos Marta Becerra)?