Posts etiquetados ‘A Coruña’

Elisa Madarro

Venres, 3 de Xullo, 2009

Elisa Madarro, en 2005 (Foto: Del Moral)

A morte de Elisa Madarro González, a comezos de semana na Coruña, onde vivía, pasou un pouco inadvertida en Lugo, e iso que esta muller era da Montaña. Naceu en Becerreá en 1948 e enterrárono este día 1 en Mosteiro (Cervantes). Psicóloga, docente e graduada social, foi parlamentaria polo PP da Coruña, delegada provincial da Consellería de Asuntos Sociais e directora xeral do Maior no último goberno de Manuel Fraga. Esta foto debe de ser do seu derradeiro acto oficial como directora xeral en Lugo: o 19 de abril de 2005, na inauguración do centro ocupacional de San Vicente de Paúl na capital provincial.

A Elisa coñecina a finais dos oitenta cando formaba parte daquel grupo de concelleiros do PP da Coruña que intentaban resucitar o partido despois dos anos do dopesismo. González Dopeso fora un concelleiro do PP que, en aras do coruñesismo, acabárase aliando con Paco Vázquez. Despois, os populares tomaron medidas e puxeron como candidato a Augusto César Lendoiro. Vázquez tiña unha maioría ben ampla e pouco podían facer os do PP. Lendoiro e os seus inauguraron as roldas de prensa semanais para controlar ao goberno (si: só daban unha rolda de prensa á semana). Daquel grupo moitos saíron proxectados cara a Xunta de don Manuel: os propios Lendoiro e Madarro, Eduardo Lamas, que foi responsable do deporte galego (como Lendoiro). Tamén os que estaban no PSOE tiveron proxección fóra do Concello: o propio Vázquez, hoxe embaixador no Vaticano; Salvador Fernández Moreda, hoxe presidente da Deputación da Coruña, e, entre outros, Xosé Luís Méndez Romeu, anterior conselleiro de Presidencia. Creo que daquela época só segue un no pazo de María Pita, Javier Losada, actual alcalde.

Naquela corporación había unha segunda muller procedente de Lugo, Carmen Marón, que é de Samos. E preto de onde está agora enterrada Elisa morreu outro concelleiro potente daquela, Esteban Lareo, socialista e responsable de Urbanismo, que pereceu a comezos dos noventa nun accidente de tráfico entre As Nogais e Pedrafita.

Elisa era xa daquela como foi sempre: unha muller sinxela, amable, como esas profesoras (a súa profesión) acolledoras e agradables que todos tivemos algunha vez. Descanse en paz.