Ruído usual

15 de Setembro , 2015


NO VERÁN, ou nalgunha ponte larga, desas nas que ti estás a traballar neste oficio a contracorrente, hai momentos en que te sentes o derradeiro ser da Terra. Saes á rúa e (case) non hai ninguén, e cando, pola noite, volves de tirar o lixo, descobres que a única luz acesa no edificio no que vives é a da túa cociña. Sobes no ascensor e á mañá seguinte, cando baixas para comprar pan, descobres que o elevador está no teu piso, como se non se movera, como se ninguén o usara nas últimas doce horas. No garaxe, os únicos coches son o teu e o dos veciños que teñen outro (que non está). Os tacóns do piso de arriba, eses que resoan puntuais ás dúas de cada tarde, hai días que non se oen, como tampouco oes a devastadora aspiradora do tipo do cuarto. Neses momentos, xa digo, poderías pensar que es o único ser vivo na terra. Nas series de televisión ou nas películas apocalípticas xogan moito con iso: por exemplo, o protagonista esperta nun hospital e non hai ninguén na contorna. O certo é que abonda con aguzar o oído para saber que non estás só na rúa, porque as nosas cidades sempre, por moi vacacional que sexa o día, teñen un rumor de fondo (culpa do tráfico) que demostra que nalgunha outra parte hai vida. Pode que non teñas trato cos veciños ou que non vexas fisicamente a ningún en semanas, pero ao final os berros dos seus pequenos, os seus portazos, o seu ruído… son parte tamén do teu día a día.

Himnos

9 de Setembro , 2015

VOLVEN OS asubíos contra Piqué, unha desas polémicas intermitentes que rodean ultimamente a todo o que soa a catalán. Quizais tentan que o xogador máis catalanista de ‘La Roja’ sexa chivo expiatorio dos asubíos contra o himno en Cataluña. Olarte propuxo hai tempo a divertida solución de incorporarlle os asubíos ao himno español, xa que non vai quedar peor. Sería, abofé, unha interesante novidade para unha composición que non ten letra. O galego si que a ten, como descubriu hai anos, nos tempos do bipartito da Xunta, un xornal madrileño (si, un deses que encirra as polémicas sobre Cataluña). O diario espantouse no século XXI de que esta peza orixinaria do XIX tache de “iñorantes” e “imbéciles” a quen non entende a Galicia. Se cadra, o mellor para contentar a todos sería facer como ese país (Malaisia?) que cambia de himno case con cada goberno. En España, temos un escrito mesmo por un pensador (Agustín García Calvo, Madrid), aínda que outros gustamos máis daquela canción popular reconvertida en himno de Asturias. Imaxínanse o ‘Y viva España’ de Manolo Escobar cantado nos actos oficiais? Podiamos facelo como cantan os estadounidenses o seu, cando poñen sobre o peito a man coa hamburguesa. Nese país si que subliman os símbolos. Outros pensan que os himnos, igual que as patrias, as relixións, as afeccións… son xeitos de encher o baleiro e ter referencias inmateriais.

AP-9 dispersa

2 de Setembro , 2015

HAI poucos monumentos á dispersión lingüística como a autopista do Atlántico. Quizais sexa unha homenaxe a esta Galicia chea de minifundios, sexan viarios, aeroportuarios, universitarios ou mesmo dialectais. Para decatarse, abonda con ir un pouco atento aos carteis que van pasando. A toponimia é moi correcta (agás O Porriño, que nunca aparece co artigo), aínda que o uso dos idiomas é moi daquela maneira: Lavacolla e Peinador (escribo sobre o tramo que máis uso) poden ser ‘aeroporto’ ou ‘aeropuerto’, depende, aínda que o lugar onde nos cobran é unha peaxe, sempre en galego, e a maior obra de enxeñería da AP-9, os 1.558 metros da ponte de Rande, aparece rotulada tamén en galego. O máis rechamante non é o uso do galego, senón o dos acentos gráficos. Son os grandes sacrificados, aínda que tamén depende: San Simón (área de servizo ou, como poñen absolutamente todos os carteis, “area”) consérvao nos arredores de Pontevedra; preto de Santiago, xa non. O mesmo ocorre coa área do Salnés. Padrón ten acento na súa saída, pero, aos poucos metros, Herbón, non. Marín acentúase graficamente; Vilagarcía, non. Iso si: os carteis (con problemas de condensación nocturna) que indican como se chama esta estrada de xestión privada están correctamente acentuados: Autopista del Atlántico. Os acentos non son cuestión menor, como ben saben, sen ir máis lonxe, na Dirección General de Tráfico… que non de Trafico.

ADENDA.

Por suposto, os acentos das rías e ríos brilan pola ausencia (cousa que non ocorre noutras autovías). E quizais o único cartel perfectamente puntuado é o que convida a manter a distancia de seguridade, tanto o próximo á ponte de Rande como o dos arredores de Santiago.

Fiabilidade?

1 de Xullo , 2015

CANDO ESTUDABA, o temario acababa anos antes. A historia da literatura española, polo menos na miña época, remataba nos anos 50, e a historia do país a secas, no 77 ou no 81. É o vello problema dos historiadores: que hai que ter unha certa perspectiva ou distancia para ver mellor as cousas. Pero agora, coa Wikipedia, iso ten arranxo e estamos no caso contrario: é imposible estar ao día ao cento por cento. Cinco minutos despois de que morra alguén, o dato xa está rexistrado, e pasada media hora dun acontecemento, alguén xa abriu unha entrada neste templo do enciclopedismo colaborativo. En Estados Unidos hai gabinetes que cobran por ‘actualizar’ as biografías wikipédicas dos famosos. O que pasa é que ultimamente tropezo cada día con máis artigos que se perden en auténticas chorradas: a anécdota supera ao relevante, no que quizais é un sinal destes tempos nos que se vive en tuits. Hai artigos que conteñen grandes debates sobre unha parte tanxencial do tema, esquecendo outras igual de importantes. E co tempo, este premio Princesa de Asturias de Cooperación converteuse en dogma de fe. Hai días, alguén dubidou da noticia da morte dun famoso que publicamos na web. O argumento era que non estaba recollido na Wikipedia. Cando viu que os demais medios, mesmo os de máis lonxe, ían publicando a nova, sinalou: “Non sei que pensar”. Claro, afundiríaselle a imaxe dun referente.

Atalaias

24 de Xuño , 2015

CANDO SE vive nunha cidade como Lugo, que incorpora de serie un miradoiro máis que milenario, un afaise a ver as cousas dende unha certa altura, e moitas veces, desde o mesmo sitio, como se fose unha referencia perfecta, como se fosen os habitantes desta cidade os precursores do ‘ollo de falcón’ que agora se usa tanto no tenis. En Lugo hai dúas atalaias de referencia: o adarve enriba da porta de Bispo Aguirre e onde arrinca a escalinata de Luis Pimentel. Colócaste aí e podes saber, por exemplo, se o San Froilán dese ano é concorrido ou se son mellores os de antes: algún ano, temos usado no dixital dúas fotos dende o mesmo sitio a diferentes horas para demostrar que o que nunca cambia nas festas maiores de Lugo é o xentío. Esas atalaias tamén serven para ver se a manifestación pola hemodinámica é masiva ou para resolver unha incógnita crecente: faille sombra o Arde Lucus ao San Froilán? E a resposta, polo que vin o sábado, é… depende. Ao fondo da Praza Maior había ocos, se ben é certo que en San Froilán o espazo a comparar é menor, porque alí hai casetas. Facíase curioso recordar que esa festa romana empezou da nada e agora hai quen fai o seu agosto en xuño. A deste ano foi, por certo, a primeira edición sen Orozco: haberá quen diga que o Arde Lucus é o seu meirande legado, esquecendo o remate dos trámites para o Patrimonio da Humanidade: aquí temos bo ollo de falcón, pero, ás veces, memoria de aire.

O bastón

17 de Xuño , 2015

ESTE LUNS, chegando á Redacción, crucei cunha bandada de homes vestidos con impecables traxe negros agardando diante do garaxe do xeriátrico que temos a carón de onde traballo. Eran inconfundibles empregados de funeraria. Con eles había tres coches fúnebres e, claro, un cura que poñía a nota de cor (branco). Mentres esperaban, do edificio saíu unha muller, con uniforme de limpeza, que foi tirar unha soa cousa no contedor do lixo: un bastón. Era un deses que podes ver nas mans de calquera persoa maior, empezando polos meus pais. É algo que chega a ser parte dun a partir de certa idade, unha posesión moi persoal: coñezo xente que garda aínda o bastón dalgún dos seus defuntos. Pero quen morreu este luns no xeriátrico non tiña quen quixera esa vara de madeira como recordo… ou non tiña quen o quixera a el: aínda que a residencia é de pago, non se pode desprezar que alguén tamén a use para tirar aos seus vellos. O domingo, os da funeraria (outros, para outro morto) cruzábanse con varias persoas que ían a unha graduación universitaria vestidos como quen vai a unha recepción no palacio real. Outros días, o fúnebre mestúrase con algunha festa futboleira. Imaxes como esas danse frecuentemente: un podería pensar que é unha cousa triste ou chocante, pero o certo é que se trata dun evento do máis cotián: sempre hai alguén nacendo ou morrendo, algo que non sempre ocorre cando un quere.

Electuras – A medalla

16 de Xuño , 2015

Os novos alcaldes, nomeadamente os das mareas cidadás de Santiago e A Coruña, abriron un lindo debate sobre o laicismo a conta da ofrenda a Xesús Sacramentado das capitais do antigo Reino de Galicia, que se celebra cada infraoitava (palabra que só debe de ser familiar para os de Lugo, e non todos) de Corpus. Como Martiño Noriega e Xulio Ferreiro, respectivamente, teñen procedencias nacionalistas, procuramos no arquivo a ver se tiñamos foto dalgún alcalde bloqueiro que fixera a ofrenda. E si: tocoulle ao predecesor de Elena Candia, Orlando González, no ano 2010. É, con todo, un debate que me gusta: o voto diante desa hostia en permanente exposición é tradición histórica ou é relixión? Un alcalde ten que manter as súas crenzas ou debe mirar polas dos que non pensan como el?

Ese debate seica se abriu tamén cando o primeiro goberno de López Orozco (1999-2003) e os membros nacionalistas daquel produtivo executivo decidiron antepoñer o carácter institucional da súa función. Así, era doado ver á primeira tenente de alcalde, Branca Rodríguez Pazos, e ao responsable de economía, Fernando Blanco, asistindo a todo canto oficio relixioso fose ineludible acudir, que en Lugo hai uns cantos. Os xornalistas chanceabamos, porque había momentos en que neste tipo de actos (San Froilán, o Corpus, a ofrenda, San Roque, Semana Santa…) había máis representantes do PSOE e do BNG que do PP. O domingo pasado ocorreu exactamente o contrario: do PP foron todos e do PSOE, tres ou catro. Nunha desas, nos soportais do concello, recordo a Fernando Blanco aclarándonos os xornalistas, sen que llo pedíramos, que el estaba alí “como representante do Concello e de todos os lucenses”, como testemuñaba, sinalou, a medalla municipal que aínda levaba no pescozo. Nun pleno da Deputación, Cacharro rira algunha vez diante de Blanco coa presunta querenza dos nacionalistas “polos símbolos, as medallas, as bandeiras e esas cousas”.

Dicía que estivemos a buscar fotos de alcaldes bloqueiros renovando este voto secular sen problemas. Pero o mellor foi que na procura apareceu esta foto impagable, dunha das dúas ofrendas (2001 e 2008) que fixo o último alcalde de Santiago que a presentou, Xosé Sánchez Bugallo. O daquela rexedor santiagués é o segundo pola dereita nesta imaxe do 23 de xuño de 2001, entre López Orozco e Branca Rodríguez Pazos. Despois de Fernando Blanco intúense ao finado Marcos Cela, o devandito Cacharro, Xosé Piñeiro e a Xaime Castiñeira. E quen é o que está entre os dous ‘brancos’ do BNG e mira para a súa dereita? Si: Francisco Fernández Liñares. Que tempos.

Electuras – A colleita do 99

14 de Xuño , 2015

As eleccións municipais de 1999 depararon en Galicia uns resultados moi transcendentes, no sentido de que transcenderon o seu tempo. Naqueles tempos do fraguismo (aínda faltaban seis anos para o bipartito) e do aznarismo (aínda faltaban catro para o zapaterismo), cidades aparentemente tan rancias (por conservadoras) como Lugo ou Pontevedra tiñan gobernos de esquerda. O BNG facíase co poder en Vigo, o PSOE mantiña Santiago e, por suposto, A Coruña, e recuperaba Ferrol, de tal xeito que Ourense (Manuel Cabezas) era a única gran cidade galega nas mans do PP. Dende este sábado, o pontevedrés Miguel Anxo Fernández Lores queda como único representante daquela fornada de alcaldes das grandes cidades. O outro que quedaba, o lugués José López Orozco, renunciou esta semana. Aquelas corporacións, moi marcadas por a cultura dos pactos, foron moi produtivas e, xa digo, transcenderon no tempo. Delas saíron xente como, entre outros, un conselleiro de Industria (o lugués Fernando Blanco) ou, indirectamente, a primeira alcaldesa de Lugo, ou un secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro. Este aspira a ser o próximo presidente da Xunta… se non llo impide a colleita deste 2015.

Electuras – Clave local?

13 de Xuño , 2015

Semella que hai catro anos se castigou ao PSOE polas políticas erráticas de Rodríguez Zapatero, mentres que neste 24-M o castigado parece ser o PP polas súas políticas de axuste (e o PSOE e os partidos ‘da Casta’). Iso é que se pode deducir dos resultados, e iso me leva a cuestionarme algo que parecía un axioma electoral: ¿Pero non quedaramos en que as eleccións municipais sempre se fan en clave local? Pois parece que non sempre é así.
Si se pode facer unha lectura local no ocorrido nas dúas maiores cidades de España, e, se me apuran, mesmo na de Galicia (disque en Vigo Caballero arrasou pola súa política de proximidade e humanización de inhóspitos recantos esquecidos). E é que os resultados de Madrid e, sobre todo, Barcelona demostran que non sempre o que lle importa á xente normal é a última elucubración mental dun partido, senón as cousas do día a día: non a independencia, senón a axuda social; non o soberanismo, senón o reinvestimento do gasto superfluo. Aínda que, e aí hai un paradoxo, moitas das cousas que queren arranxar as mareas cidadás non entran na súa competencia.

Sexa o que sexa, as corporacións locais que están a tomar posesión nestes intres ou que xa o fixeron vanos dar catro anos que, posiblemente, serán apaixonantes. Sorte a todos os alcaldes.

Electuras – O polipartito

12 de Xuño , 2015

Os resultados electorais do 24-M van obrigar a pactos moi concorridos. Ata agora, o que abundaban eran os bipartitos, pero agora hai que subir a cifra: tres, catro… Vai haber corporacións nas que vai ter que haber moita esquerda: Foz, Sarria… Caso peculiar é o de Tui. Nesta cidade, con 13.600 electores, presentáronse oito candidaturas. En Lugo capital foron unha lista máis, para 81.336 censados (seis veces máis). E na capital provincial dos tudenses, Pontevedra, tamén foron oito listas, pero para 67.816 electores (cinco veces máis).

Pero o sorprendente do caso, o que fai único ao meu concello natal, é que as oito candidaturas de Tui lograron representación. A máis votada, o PP, conseguiu catro dos dezasete concelleiros (tiña nove), o que abriu a posibilidade dun pacto de todos contra Fernández Rocha (o discutido cabeza de lista do PP ten os mesmos apelidos que o de Lugonovo) que lle vai dar a alcaldía a Enrique Cabaleiro González, do PSOE, con tres edís. Non haberá polipartito, porque non todos entrarán no goberno, pero o apoio na sesión de investidura seica vai ser moi multicor.