Visibilidade

A algúns sorprendeunos que o PSdeG elixira Monterroso para celebrar unha festa pola visibilidade gay no medio rural. Primeiro pensas que a elección se debe a que este concello está medianamente céntrico dentro da comunidade autónoma, aínda que hai outro, que loita por ser declarado o cerne de Galicia, Chantada, que tamén está gobernado polos socialistas. De seguido, pensas que, se cadra, hai algún coñecido político de Monterroso que é homosexual, pero descobres que, que se saiba, non hai tal cousa. E finalmente acábanche contando que a razón de que se elixira Monterroso é que un gandeiro desta terra afín ao PSOE fixo públicas as súas tendencias sexuais e que no concello está a ter problemas. A ti, que vives nunha cidade (pequena, pero cidade ao fin e ao cabo), tal cousa déixate abraiado: como é posible que alguén, en pleno século XXI, poida ter problemas de convivencia por tal cousa?

E séguelo pensando ata que colgas a noticia na edición dixital deste xornal (o anuncio do mércores e a crónica da celebración do sábado) e non che queda máis remedio que pechar os comentarios unha hora despois á vista do aluvión de insultos e recriminacións declaradamente homófobos que reciben as dúas noticias. Dende logo, humanidade e tolerancia (é dicir, respecto aos demais) son dous conceptos que se levan mal entre eles. Que noxo!

Tags:

Comenta

*