Nordés

Logo O NordésO editor dun xornal centenario galego, de propiedade familiar, morre e a súa viúva asume o mando do periódico. Contado así, podería parecer parte da historia de El Progreso, pero o certo é que ese é o arranque de O Nordés, a serie de xornalistas que acaba de estrear Televisión de Galicia e da que este xoves se emite o terceiro capítulo. Que conste que neste xornal (o real, non o de ficción) xa se ten publicado que ese acontecemento en concreto está inspirado na noso.

Os xornalistas adoitamos mirar con un ollo máis crítico do habitual as series ou as ficcións que se inspiran en nós. En España, O Nordés ten un gran precedente, Periodistas, protagonizada por José Coronado, na que, á larga, o xornal era só un pretexto para unha trama de relacións persoais. Despois dos dous primeiros episodios, O Nordés semella ser máis realista. De feito, algún compañeiro da Redacción ten recoñecido algúns estereotipos ou personaxes típicos: o xornalista intrépido e rebelde, o director que media, algún xefeciño… Tamén son recoñecibles as dificultades económicas (O Nordés é un xornal que sobrevive de milagre), os problemas na relación con algún poderoso, que neste caso é nada menos que un construtor narcotraficante, un malo que promete, e incluso hai cousas menores que tamén nos son coñecidas no gremio: a endogamia persoal (quen demo vai aguantar os nosos horarios?), as redaccións cheas de papeis (encántame esa columna chea de post-it que hai detrás de Xulio Abonjo, o xornalista rebelde)… E a xente fuma e mesmo bebe, algo sorprendente, porque no resto das series españolas parece que eses dous vicios non existen. Mesmo os ordenadores están conectados e funcionan, que en Periodistas vías como algún PC non tiña nin cables.

Tamén, por suposto, hai algunha cousa incrible: os redactores d‘O Nordés fan os textos nun simple Word: mira que non haberá no mercado algún programa barateiro de edición que poida dar o pego. E pregúntome se quedará algunha redacción en España na que aínda se fagan as fotos en papel en plena era da cámara dixital. E, por suposto, iso de parar a tiraxe dúas veces en catro días só o consegue unha catástrofe natural: os guionistas non saben o que custa iso na vida real.

A primeira vista, por algúns detalliños, nótase que detrás da produción ou hai algún xornalista asesorando (non os mencionan nos títulos de crédito) ou os guionistas percorreron moitas redaccións. Pero hai frases que poderiamos ter dito calquera de nós. Por exemplo, na conversa que manteñen o novo subdirector e a xefa de Local no segundo capítulo, cando din que ás veces cres que o xornalismo é unha merda pero outras veces pensas que é a mellor profesión do mundo.

A tensión sexual entre estes dous personaxes é un dos elementos clave da serie. E seguro que quedan moitas cousas que contar: as relacións co poder político, os debates bizantinos (por que esta palabra vai mellor para este titular e non esta outra?), as rifas pola errata nun titular a cinco columnas que se lle pasou a todo o mundo, as chamadas dos lectores que entenden o contrario do que escribes ou do persoeiro disconforme co enfoque dun artigo…

Non é a mellor serie do mundo, pero ten o seu interese. E aos que coñecemos Vigo fainos moita graza que a sede deste xornal centenario de nome incomprensible (chámase O Nordés e edítase nunha cidade do sur dunha comunidade que está no Noroeste) estea no que na vida real é un hotel. A próxima vez que vaia a Vigo pasarei polo Lisboa, a ver se me deixan subir a esa terraza que ten tan magníficas vistas.

Tags:

Comenta

*