As ‘noivas’ do leite

Creo que é bo momento para facer reconto das noivas que lle saíron a Leite Pascual nos últimos tempos para a súa planta de Outeiro de Rei. Primeiro falouse de Leite Río, e mesmo Vidal Maté, un xornalista de El País altamente especializado en información agraria e que dirixe (ou dirixiu) algunha revista para o ministerio do ramo, deu por feito hai xa varias semanas que ía ser Xesús Lence o comprador. Despois, falouse seriamente de Nueva Rumasa, aínda que algún sindicato non as tiña todas consigo. Por que? Porque o grupo creado por Ruiz Mateos non fabrica leite. Fai flans, sobremesas e outros derivados lácteos, pero non leite. Máis tarde, foi tomando corpo a proposta dun grupo de cooperativas galegas, liderado por Feiraco, que disque é a que ten máis opcións agora mesmo.

Pero polo medio saíu algún outro nome poderoso, do que se falou menos; en concreto, Mercadona, que parece que quere unha planta propia para producir o seu leite da marca Hacendado. Actualmente, fabrícanllo en Cantabria, segundo o rexistro sanitario.

En todo caso, que haxa noivas é unha das razóns que xustifica a actitude de Leite Pascual cara os traballadores. Canto menos persoal quede en Outeiro de Rei, máis cartos vai sacar a empresa castelá pola venta, porque neste caso, aínda que algún poida pensar o contrario, ter xente non é positivo para o comprador.

Curiosamente, nunha das últimas grandes compras que houbo no sector, a de Leyma da Coruña por parte de Lence, si que quedara o persoal.

Tags: ,

Comenta

*