A morte

Hai noticias que che afundan a moral e que che tocan ese suposto e necesario distanciamento no que temos que estar instalados os xornalistas: pasoume hai anos co afundimento do Sempre Casina (esa nai que choraba polo seu fillo desaparecido un ano antes) e volveu ocorrer este luns co de Ribeira de Piquín. Que noticia tan tremenda e inxusta!

Cavilando noutra novidade tráxica destes días, a do accidente das rapazas do Emevé (aínda hai dúas noites vin a furgoneta que aparcan preto da miña casa), penso que, nesta era de internet, hai noticias que poñen de manifesto graves deficiencias sociais. Ti estás chorando a morte de, por exemplo, os teus fillos, e chega alguén ao velorio para falar de cintos de seguridade ou para contarche os seus descubrimentos sobre as calidades dos pneumáticos ou das rotondas. E nese momento, no que estás totalmente aplanado e coa moral por debaixo do chan, óelos como quen oe chover, pero despois, se a túa memoria logra recordar ese momento de dor, vaste decatando de que, detrás dese suposto “respecto” que proclaman, realmente hai moita falta de respecto polo próximo. Que país, que paisaxe e que paisanaxe, como dicía un que naceu en Bilbao hai xusto 145 anos.

Tags:

Comenta

*