Prognóstico
Este martes preséntanse os Orzamentos Xerais do Estado para o 2009 e, a verdade, non as teño todas comigo no que se refire a Lugo. Máis que nada, polo da crise e o recorte de fondos, aínda que, tendo en conta que en marzo hai eleccións en Galicia e habida conta da teima que teñen os nosos gobernantes por que os cidadáns de a pé paguen as desfeitas das construtoras, é posible que a partida para a provincia medre.
Estou por facer un prognóstico, aínda que xa aviso que o máximo que consigo na primi é o reintegro, e na quiniela, nove (dúas veces, hai anos, acertei once e esa semana non cobraron). Vou prognosticar, por exemplo, que non vai haber novidades no que se refire a infraestruturas: volverá haber fondos para os tramos xa en construción da autovía do Cantábrico, pode que para algún tramo novo da A-54 e da A-56, e o demais seguirá igual: as mesmas partidas para os estudos da A-76, as mesmas cantidades para a alta velocidade ferroviaria, a mesma miseria para outras obras, a mesma vergonza da Autoridade Portuaria que rexe Ferrol e, disque, San Cibrao…
Aínda que o que habería que prognosticar é que estes orzamentos, se cadra, non saen adiante. Pero, xa digo, hai eleccións en marzo e ZP, Blanco e compañía negociarán para sumar os necesarios votos do BNG: faranse vinte dotacións de fondos a maiores para algunhas obras, conseguirase o voto dos bloqueiros e, total, como as obras non poderán comezar no 2009 porque non hai proxectos, ao final Maleini acabará investindo o que tiña inicialmente previsto e non o que pactou co Bloque.
Mañá verémolo.
Tags: orzamentos
30 de Setembro , 2008 - 17:15 pm
Vaqueiro: claváchelo. Agora virá Pepiño e mais toda a tropa e dirán que son os mellores presupostos da historia para Lugo. Vivir para ver.