Memoria parcial

Sorprendente proxecto este de As vítimas, os nomes, as voces e os lugares, que desenvolven as universidades de Galicia amparadas pola Consellería de Cultura. Consiste, entre outras cousas, en percorrer Galicia buscando xente que fale da represión franquista. A sorpresa vén cando se ve a relación de lugares nos que se fixeron entrevistas: dez ou máis en Ribadeo, de seis a nove no Saviñao e Monforte de Lemos, de dúas a cinco na Fonsagrada, Lugo e A Pontenova, e unha soa en Viveiro, Mondoñedo, As Nogais, O Courel e Ribas de Sil. Quédalles un bonito baleiro en toda a Terra Chá e a comarca de Sarria (a capital do concello, Paradela…). Na provincia da Coruña pasa outro tanto do mesmo: no tramo entre Valdoviño e a fronteira con Lugo, pola costa, só figura unha entrevista en Ortigueira, e mira que hai algún estudo sobre a represión franquista e os campos de concentración (perdón: centros de retención) da bisbarra.

Unha das meirandes estudosas desa época en Lugo, María Xesús Souto, forma parte do equipo investigador de As vítimas etcétera. Hai outro lugués no grupo, Antonio Somoza Cayado, ex concelleiro do BNG en Lugo, que é un dos bolseiros que colabora. O equipo non rematou, disque, así que haberá que agardar por este terrible mapa da represión.

Tags: ,

Comenta

*