Cen anos

Este venres inaugurouse na Praza Maior de Lugo a exposición itinerante feita co gallo dos cen anos da saída do primeiro número de A Nosa Terra (cen anos que non foron ininterrompidos). E era moi interesante ver que xente se xuntou alí: Xosé Antón Bao, Xoán Xosé Molina, Rodríguez Pazos, Abraira (Paz), Chorén… e algún bloqueiro máis. Lóxico: trátase dun semanario do ámbito nacionalista. Máis sorprendente era ver que tamén andaba por alí Xosé Manuel Barreiro, acompañado de xente da intendencia do PP. Terá isto que ver con aquilo do flirteo que se traen entre nacionalistas e populares, para intranquilizar ao PSOE?

Exposición 'A nosa terra'

Nun instante dado, cando empezaron a mirar as portadas (como recolle esta foto que manda Camilo), pararon na do 5 de decembro de 1918, que recolle íntegro o manifesto da histórica Asemblea Nazonalista de Lugo, a do hotel Méndez Núñez. E alí Bao espetoulle a Barreiro: “Mira, xa daquela pediamos o ‘acabamento das deputacións provinciais” (apartado terceiro do capítulo terceiro, o dos problemas políticos). E o político do PP, áxil e igual de retranqueiro, respondeu: “Ah, pero entón tamén estamos nós, cando pedimos o ‘reconocimento da persoalidade xurídica das parroquias” (apartado segundo do capítulo segundo, o dos problemas constituíntes).

Cando rematou o acto oficial, apareceu unha muller botando en falta o son dunha gaita. “Nun acto así, por tanto polo que loitamos, tiña que haber unha gaitiña”, dixo a muller.

Por certo, para que vexan o que cambian os tempos, o primeiro número do veterano colega, o do 4 de agosto de 1907, tiña a portada en castelán. E no titular dun dos artigos desa primeira páxina aparecía Lugo.

Tags:

Comenta

*