A revolución de Cacharro

Despois de escribir sobre os cambios na Deputación, resulta que este luns volvimos ver a Francisco Cacharro polos seus corredores, como nos vellos tempos. Era polo da colocación do retrato oficial, que xa contei aquí hai unhas semanas que era obra dunha pintora madrileña. María Xesús Pérez Castillo (ela asina sen o primeiro apelido) chámase a elixida. Hoxe, o ex presidente recoñeceu que só estivo con ela unha vez, nunha visita a Madrid; que ela insistira, porque dicía que non abondaban as fotos que lle mandaron dende Lugo. E abofé que conseguiu un retrato bastante realista, ao que Carmen Gosende, a dona de don Francisco, deu aprobación cun sorriso.

No seu discurso, don Francisco recordou os seus profundos vencellos co pazo de San Marcos: fixo alí o Bacharelato, cando era instituto, e tamén estudou Maxisterio e traballou como inspector cando o edificio pertencía a Educación. E tivo o seu toque retranqueiro, cando se preguntou polo significado de que “o colguen a un”. “Ten unha repercusión afectiva importante”, sinalou.

Polo de agora, e posiblemente por bastante tempo, vai estar só. A súa chegada ás paredes da Deputación provocou unha revolución. Se ata hai uns días era Luís Cordeiro o que nos despedía (en retrato) cando íamos camiño dos plenos, agora vai ser Cacharro… pero uns metros antes. Aprézase nas fotos. Velaquí como estaba a parede o 18 de abril, cando se fixo a homenaxe a Cordeiro.

Homenaxe a Luís Cordeiro o 18 de abril de 2008

E velaquí abaixo, como estaba hoxe (a porta que se apreza ao fondo é a mesma que na foto de enriba se ve á esquerda):  

Colocación do cadro de Cacharro na Deputación

Haberá que dar unha man de pintura, porque o retranqueo do retrato de Cordeiro (que agora está máis preto da entrada, na veciñanza de Julio Ulloa e Rego, dous dos últimos presidentes do franquismo) deixou unha marca na parede.

Ah: e por fin temos unha foto dos tres vicepresidentes xuntos!

Tags: ,

Comenta

*