A miña promoción

Comentábame o xoves Juan Castro, a cabeza visible de Galiciae, que nesta comunidade falta un blog xornalístico de referenza, ao estilo do de Escolar e do que leva Juan Varela. Orfos do Todo Nada de María Yáñez, aquel blog pioneiro do que tanto aprendimos, un que nos gusta é o de Manuel Gago. Ás veces estou tentado de escribir de xornalismo aquí, pero quédanme demasiado lonxe (física e espiritualmente) as liortas que se traen en Santiago e A Coruña.

As liortas son o que me leva a pensar estes días no curiosa que saíu a miña promoción da (fea) facultade de Xornalismo de Madrid. Curiosa e conflitiva, ademais de interesante. Por exemplo, foron compañeiros meus de clase (e con todos os que vou citar teño intercambiado apuntamentos, copas e charlas, aínda que agora só manteño algo de trato con unha) Octavio, un director de TVE en Galicia acusado de censurador nos tempos do Prestige; Isabel, unha redactora de El Mundo perseguida e defenestrada pola dirección cando se fixo membro do comité de empresa, e, sobre todo, Ángela, unha rapaza de Ourense que foi acusada de quedar con cartos dunha delegación de TVE no estranxeiro.

Non todo son catástrofes. No lado triunfador teño na lista de compañeiros, que eu recorde agora, a Miguel Ángel, un directivo dun coñecido xornal económico, e a Felipe, un director dunha minoritaria pero reputada canle de televisión dixital. Este último, por certo, era un cántabro divertidísimo que lle fixo as beiras á devandita rapaza de Ourense, que para as súas informacións utiliza o segundo apelido da súa nai.

Por que me acordo estes días destes vellos compañeiros? Porque, como non, Isabel Quintairos, a redactora da Cope de Santiago que foi vetada, disque, por homosexual e nacionalista tamén foi compañeira miña de clase.

Dende logo, non fomos unha promoción gris.

 

Tags:

Comenta

*