O ránking de Barcia

Na xunta de goberno de hoxe na Deputación volveu a saír o tema da débeda con e do Sergas, a causa dunha sentencia da que tiveron coñecemento os membros do goberno provincial. Pero non hai novidades. É máis, trátase dunha sentencia do Tribunal Superior sobre un caso que xa está resolto, porque o Sergas pagou. Si que vai amodiño a xustiza. Era, ademais, a resposta a un recurso presentado contra unha sentencia de hai seis anos.

Supoño que José María González Barcia, o voceiro do PP, estaría moi atento á xuntanza. Hoxe, este deputado do PP mandoulle á prensa un interesante e ameno estudo sobre… os que latan ás xuntas de goberno. O novo goberno leva celebradas dezanove dende agosto. É tan entretido que non me resisto a reproducilo:

Con 12 ausencias, encabeza o ranking María Xosé Vega Buján.

Con 9 ausencias, o propio presidente, Xosé Ramón Gómez Besteiro.

Con 4 ausencias, Lara Méndez, Regina Polín e Melchor Roel.

Con 3 ausencias, Manuel Martínez.

Con 1 ausencia, Xosé Antón Bao e Miguel Ángel Sotuela.

Con 0 ausencias e campión da regularidade, Antonio Gato.

O ránking pode facerse doutro xeito: hai unha xunta de goberno con cinco ausencias (a do 28 de decembro), tres con catro, cinco con tres e unha con dúas faltas. Dende o 21 de setembro, nin unha logrou xuntar aos nove gobernantes.

Para González Barcia, isto é ”escandaloso”. E chámalle a atención que as xuntas con máis ausencias adoitan coincidir con pontes. Imaxino que no equipo de goberno diranlle algo así como que tamén se traballa fóra dos despachos.

E aínda estou sorprendido pola do día dos Inocentes: faltaron cinco, asegura o deputado do PP. Non necesitan o quórum da metade máis un?

Tags:

Comenta

*