Intensa

A xunta de goberno da Deputación de Lugo tivo este venres unha reunión intensa. Nada menos que cinco puntos na orde do día, dos que tres (aprobación da acta anterior, comunicacións da presidencia e rogos e preguntas) figuran en todas. Ou sexa, que só se aprobaron a modificación dunha obra a uns plans de seguridade e saúde. Densa axenda, vive Deus.

Alguén poderá pensar aquilo de ”hai que ver como tiran os cartos os que nos administran”. Tampouco é para tanto: entendo que todos os asistentes cobran xa pola súa dedicación exclusiva a isto da cousa pública. Ou segue vixente iso de cobrar por asistencia a sesións?

Pero, se cadra, quizais o máis interesante é o que non transcendeu á prensa. De que falarían? Que amañarían, tendo tanto tempo para facelo?

P.C. (por certo): hoxe estaban a estrear a iluminación de Nadal en San Marcos. En anos anteriores, o único que había era un belén galego que Cacharro tiña detrás de si nas xuntanzas. Desta, o que se leva son árbores, boliñas e luces… ou sexa, un ”Nadal agnóstico”, como ben o definiu hoxe un compañeiro. ”Americanizado”, engade a miña santa.

Comenta

*