Traballo en Madrid

Chama Padilla, para falar sobre o meu comentario de hai uns días, e temos unha conversa moi entretida. Os dous acabamos recoñecendo que a un pode colocalo un padriño nun sitio determinado pero que, se non se move, non seguirá no mesmo sempre.

A este avogado hai que admitirlle unha cousa: a súa capacidade de traballo. El di que é un dos que máis curra de tódolos parlamentarios galegos presentes en Madrid. E está moi fachendoso pola súa presencia na comisión constitucional ou por ser un dos relatores do novo Código Penal. O do traballo é cousa doada de comprobar, porque figura nas webs do Congreso e do Senado.

E agora é bo momento para repasar o traballo dos nosos representantes en Madrid, porque está a piques de rematar a lexislatura (non lles parece que iso de convocar as eleccións andaluzas para o 9 de marzo é un xeito de adiantar que as xerais tamén van ser ese día?). Así que lle boto un ollo. E ten razón: Padilla leva 2.182 iniciativas presentadas dende a primavera de 2004 e ten tido 143 intervencións. Por poñer un exemplo, Francisco Rodríguez, o activo deputado do BNG, leva 964 iniciativas, aínda que, como é portavoz, gana en canto a intervencións: 826.

García Díez, número dous da lista do PP por Lugo, leva 641 iniciativas e 97 intervencións; a socialista Isabel Salazar, 295 e 64, respectivamente, e Xosé Blanco, o cabeza de lista do PSOE, só 16 preguntas. Non se lle oiu nin unha soa vez, iso si.

En cambio, no Senado, o que gana é un socialista, Luis Anxo Lago Lage, con 591 iniciativas e 39 intervencións. Séguenlle os tres do PP: César Aja, con 166 e 2; Fernando Carlos Rodríguez, con 15 e 21, e… Francisco Cacharro, con unha iniciativa en catro anos e dúas intervencións.

Aínda que, para lugueses activos, o senador por designación autonómica Manuel Fraga: non falou nin unha soa vez nos dous anos que leva na Cámara Alta, pero presentou 323 preguntas por escrito o mesmo día, o 20 de setembro pasado. Vanllas responder estes días, segundo a web do Senado.

Comenta

*