Infinitos
HAI UNS días sorprendínme dicíndolle a alguén aquilo tan bíblico de “setenta veces sete”. A primeira vez que vin tal expresión non acabei de entender que tiña de rara unha operación cun resultado tan finito como 490 e que Xesucristo usaba como sinónimo de infinitude. Tempo despois, tropecei cun uso igualmente simbólico dos números en Borges. O escritor arxentino atopa o infinito tamén na táboa do 7, aínda que bota man dun par, o 14. O infinito dá moito xogo cando o descobres na infancia, na primaria: quérote infinito de infinito (ou ódiote), diciamos naqueles tempos de amores e odios inamovibles (polo menos durante uns días). Con ese concepto que se representa co que semella un oito tombado tamén aprendimos o que pasa cando multiplicas por cero ou por infinito. É curioso que unha serie de televisión tan popular como os Simpson inclúa un concepto matemático como o de multiplicarse por cero, imperativo que usa Bart. Iso si, o de “multiplícate por cero” é un invento da versión española (na orixinal, a frase é un soso “come os meus pantalóns curtos”). Cando traballas con estatísticas, descobres que os números son obxectivos pero as interpretacións, nin moito menos: 490, por exemplo, pode ser moito ou non, igual que 14. A miña avoa tiña un número infinito peculiar. Ameazaba con aquilo de “vouche dar máis paos que pelos tes na cabeza” e sabías que iso era un número máis vasto que o infinito.
(Na foto, un corredor infinito nun hospital galego)
Tags: Borges, De re varia, literatura, televisión