Lecturas

OS APLAUSOS eran, ou pretendían ser, o tema do artigo de hai dúas semanas, pero comentáronme que algún lector entendeu que versaba sobre política internacional. Hai anos, non recordo de que ía a columna, pero un compañeiro asegurou que eu escribira sobre Brasil, palabra (máis que país) que eu citaba de pasada. A cousa amólate un pouco, por máis que sexas consciente de que cada un (empezando por un mesmo) é libre de interpretar o que le como lle pareza. Recordo o dia, de finais dos 70, en que un compañeiro de instituto e mais eu descubrimos no escaparate dunha libraría, abraiados, un estudo sobre ‘Cien años de soledad’ (1967): “Mira, un libro sobre un libro!”, exclamamos. John Ford disentía de forma evidente sobre algunhas interpretacións dos seus filmes que lle facía Peter Bogdanovich no seu memorable libro-entrevista (Ford explicaba que cortaba a John Wayne non para subliñar a súa envergadura, senón por aforrar movementos de cámara). Pregúntome se Baroja, Cervantes, Castelao ou Baudelaire non se estarán a remexer nas súas tumbas coas nosas análises sobre as súas obras. E se o que nós vemos nunha obra non é que nos quería contar o autor? E se resulta que, por citar un título, ‘2001, unha odisea do espazo’ non é unha película sobre as grandes preguntas da humanidade, senón, poñamos por caso, unha reflexión sobre a fame? Menos mal que Kubrick e Clarke xa non están aquí para desmentirnos.

Tags: , ,

Comenta

*