Aplausos



NO MEDIO da peza ‘La comisión’, Marcos Mundstock dixo tal parida xenial (a súa personaxe gabouse de que publicara un libro no que proclamaba que “o neno de hoxe é o home de mañá”) que os espectadores daquela representación de Les Luthiers sentímonos empuxados a aplaudir. Case de seguido, avergóñaste, porque sabes que non é correcto interromper así unha creación artística, aínda que sexa en xesto de recoñecemento; mesmo roza a falta de respecto. Hai tempo, asistín a unha ‘Madama Butterfly’ na que o público aplaudiu ao rematar ‘Un bel di vedremo’, a peza máis popular da ópera de Puccini. Pola contra, meses antes case nos tiveran que suplicar os aplausos ao remate dun recital de arias e cancións clásicas na igrexa do San Salvador de Praga. Non é que o concerto fose malo, senón que estabamos preguizosos; a maioría eramos turistas agradecidos por poder escoitar aquilo naquel espectacular marco. É doado saber cando bater as palmas, abonda con agardar polo final; máis complicado é decidir canto aplaudir… ou correr o risco de quedarse só no aplauso, algo que para os tímidos e a xente con medo ao ridículo pode ser traumático. Con todo, nisto hai unha moda que non acabo de entender, que son os aplausos nos enterros e demais actos fúnebres: Que hai que celebrar aí? Que a vida do morto foi un espectáculo? Que o perdemos de vista por fin? Ou estamos a darlle as grazas porque se vai antes que nós?

Tags: ,

Comenta

*