A gaivota


POLAS NOITES, camiño da casa, paso preto dunha casa onde, no tellado, aniñaba unha gaivota. No silencio da madrugada, este verán convertinme no seu centro de atención, e tres ou catro noites oína revoloteando sobre min e boureando: ese berro estridente pero, ao mesmo tempo, tan mariñeiro que acaba por resultar agradable cando levas tempo sen oílo. Como afeccionado ao cine de Alfred Hitchcock, non podes evitar acordarte de paxaros atacando xente en Bodega Bay. Mentres, a ave voa sobre ti en círculos, dúas ou tres veces. E sorrís, pensando que estás a salvo porque ti es un peixe demasiado grande ou voluminoso para ela. Pero a última noite, decateime de que os círculos que facía a gaivota eran cada vez menos amplos e, sobre todo, máis próximos á terra, ou sexa, a min. E na súa última órbita, oín un inconfundible choff no chan á miña beira. E tiven que botar a correr cara a unha marquesiña de autobús, debaixo da que estiven resgardado durante uns minutos. Na espera, non me quedou máis remedio que cambiar de referencia cultural e pasar do cine á literatura: de Hitchcock a García Márquez, de Melanie Daniels a Santiago Nasar: das picadas ás cagadas. Dúas perspectivas bastante desagradables, vivedeus. Á volta de vacacións, xa non estaba: a gaivota debeuse de fartarse dese tipo que a espertaba polas noites e buscou sitios máis silenciosos e nos que sexa máis doado facer exercicios de puntería.

Tags: , , , ,

Comenta

*