Alzhéimer

UNHA COUSA que lles molesta moito aos enfermos bipolares é o uso gratuíto do adxectivo. O certo é que é un termo atractivo, no que é doado que políticos e xornalistas (entre outros) caiamos, xa que reflicte perfectamente esas situacións nas que hai dous extremos, dous polos; é dicir, que están polarizadas. Polo xeral, hai un certo uso gratuíto de termos vinculados ás enfermidades: dicir que alguén é un cancro, ou que tal situación é esquizofrénica, ou que a bolsa de Madrid se porta como a tola da casa (lido nun xornal de tiraxe nacional). Pero non vaiamos de puristas, que na vida íntima tamén usamos eses termos de xeito espurio: tes un tremor na man, por exemplo, e algún dos teus próximos pregunta se tes párkinson ou fanche a broma (cruel e, á vez, inocente, como todas) de que tal enfermidade empeza xusto así. O problema é cando che rozan coa broma: por exemplo, cando levas uns días desconfiando dos teus tremores e non dixeches nada. A min, gran acumulador de coñecementos inútiles, ás veces angústianme os esquecementos: Como se chamaba…? E asáltache certa inquietude: será un aviso do alzhéimer? Despois les que co paso do tempo é lóxico ir esquecendo cousas, sobre todo as menos importantes. E pensas que o mesmo pasa cos discos duros do ordenador: hai un momento en que non caben máis cousas e tes que ir borrando. É triste pensar que á maioría quedaranlle (quedarannos, esperemos), polo menos, os recordos máis importantes; aos enfermos de alzhéimer, nin iso.

Tags: , ,

Comenta

*