A Valeria

Cara daliniana sen nome en SantiagoMICHELE Ferrero, o pai de Nutella (entre outras), que morreu hai un par de meses, adoitaba falar da ‘Valeria’, que era, segundo explicaba, a ama de casa que consideraba fundamento do seu doce negocio, esa muller prototipo á que “hai que poñer todos os días no centro”, dicía. A xente normal bota man con frecuencia desas personaxes imaxinarias. Por exemplo, os que van durmir van camiño de caer nos brazos de Morfeo, que debe de ser un rapaz moi amoroso. Se vas (ou sofres) un restaurante cutre, ao que lle faltan anos luz para acadar o primeiro medio garfo, falas de ‘Casa Manolo’ ou ‘Casa Pepe’… o problema neste caso é cando ese nome imaxinario é a denominación auténtica dun restaurante real. Manolo é, tamén, o nome que lle din hai unhas semanas á miña santa cando un gripazo a facía falar como se estivese posuída por un home de dous de ancho por dous de largo. Estes nomes míticos e imaxinarios teñen unha referencia moi ilustre no cine: o Rosebud de ‘Ciudadano Kane’ (sen esquecer os MacGuffin de Hitchcock), que xa contei aquí que era, segundo a lenda, o nome que o megaempresario Hearst lle daba ao órgano sexual dunha das súas amantes. Niso tamén hai tradicións e, por suposto, referencias cinematográficas, como unha na perfectamente esquecible ‘Como perder a un chico en 10 días’; alí hai un diálogo no que ela demostra que algúns nomes poden mesmo afundir unha relación.

ADENDA

Quizais a referencia a Morfeo (a que figura na versión impresa) non sexa afortunada: neste caso, o que se fai, realmente, é incorporar un ser da mitoloxía antiga á lingua normal.

Tags: ,

Comenta

*