Genista/ginesta

CONTANDO algo da miña sobriña, a miña irmá usa o nome ‘ginesta’, e eu dígolle que esa palabra figura nunha das mellores cancións españolas da historia. Logo decátome de que a planta á que o mediterráneo Serrat quere darlle amarelo cando morra é a ‘genista‘. Despois descubro que son dous vocábulos intercambiables: son familia de carqueixas, piornos, xestas ou aquelas que un profesor da miña facultade usou para titular unha novela, ‘El amargo sabor de la retama’. É fascinante a riqueza e variedade que teñen exhibido os humanos cando se tratou de darlle nome aos seres vivos que os rodean: animais, árbores, plantas en xeral. Se vives nun entorno bilingüe, o abano de palabras amplíase. Aí xa podes permitirte ter querenzas. Que é máis lindo, un carballo ou un roble? Quen ‘chora’ mellor, un salgueiro ou un sauce? Sempre digo, por exemplo, que a donicela (no dialecto da miña terra, ‘dinuciña’) é máis bonita no dicionario que na vida real, onde é un bicho cabrón e asasino de galiñas, como se reflicte nese ‘comadreja’ do castelán que tan desprezativo soa. Esa gratificante variedade é moitas veces tremendamente plástica. Penso na palabra ‘ollomol’, que retrata perfectamente a ese peixe de ollo mol. Claro que o bicho tamén ten unha cariña de pampo á que lle vén moi acaído ese ‘besugo’ do castelán. É un pobre peixe, porque, agás o cocho, poucos animais xeraron un vocabulario tan negativo.

(Na imaxe, unhas flores amarelas)

Tags: , ,

Comenta

*