Mimosas


POLA autoestrada, o amarelo das mimosas vaise intensificando; están na época, aínda que eu recordo anos en que xa as vía florecidas case por Reis. A primeira vez que as ves, pensas que é unha árbore moi linda: cheguei a ter ramallos na casa e mesmo no cadro de instrumentos do coche, aínda que é unha planta moi coñazo cando seca. Na autoestrada hai outra planta vistosa que tamén acabou no interior de moitas casas, a herba da Pampa. As dúas son especies invasoras e, ademais, de crecemento moi rápido: as primeiras mimosas vinas preto dos Peares; agora, xa case non teño que saír da casa para ulilas. As flores usan as cores por cuestión de supervivencia: para atraer polinizadores ou para disuadir inimigos. Mimosas e herbas da Pampa semella que usaron as cores para entrar nas casas e nos floreiros: pura imaxe. Diso saben bastante moitas mulleres de quen se espera que estean sempre lindas, aínda que leven 12 horas ininterrompidas traballando de pé: é un deses machismos sutís que nos arrodean. Estes meses de comezos de ano son de exaltación desa muller a quen se lle esixe ser (e lucir) vistosa: abonda con ver as alfombras vermellas (photocall) dos Globos de Ouro, os Goya ou os próximos Oscar. Por iso, non é de estrañar que xa haxa xente que loita contra este desfile de mulleres floreiro. Agardamos delas que estean sempre esplendorosas, como as mimosas, e iso é, ademais de irreal, inxusto.

Tags: , ,

Comenta

*