Oír tolerancia

OS MEUS improbables lectores saben da miña desaforada paixón pola música. A radio era a miña gran compañeira nos meus retraídos tempos infantís, así que a música é algo que leva moito tempo comigo, dende un dos meus primeiros recordos: os meus pais bailando ‘La Yenka’. Hai unhas semanas, paseille a alguén unha serie de músicas que ía dende Los Hermanos Calatrava e David Bowie ata Manolo García, pasando pola que considero unha das mellores cancións de amor da historia, ‘Angie’. Na resposta apareceu a expresión “esas merdas que me mandas”. E recordei cando era eu o que se subía polas paredes cando os meus maiores me facían oír a todo trapo algunha canción de Manolo Escobar. Juan Pardo tamén era outra desas cousas que eu non soportaba daquela; eles contraatacaban chamando ruído ao que me gustaba. O paso dos anos fixo que as miñas fobias, tamén as musicais, se fosen suavizando: agora mesmo soporto a Julio Iglesias (un odio infantil) ou Camela (un odio máis recente), e incluso podo oír con paciencia a grupos como One Direction (en cambio, os Pecos custáranme máis na súa/miña época). Claro que todo ten o seu límite: non aguantaría unha viaxe de hora e media con música bakala na radio do coche. Os gustos musicais son un bo adestramento para a tolerancia. E rematas ríndote mentres gozas co teu exodiado Manolo Escobar, porque empezas aborrecendo a, poñamos por caso, o home de Angela Bowie e rematas entrando con armas no número 10 da Rue Nicolas Appert.

Na foto, carátula de Goats Head Soap, o disco de The Rolling Stones que inclúe ‘Angie’

Tags: , ,

Comenta

*